CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Cristina Ramos, neumóloga: "O exercicio é fundamental para evitar a COVID persistente"

21/07/2021 - 08:24 h

A neumóloga do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Cristina Ramos, asegura que os problemas respiratorios que persisten despois da infección por coronavirus desaparecen na maior parte dos casos como moito despois dun ano de sufrir a enfermidade.

Nunha entrevista no Galicia por diante, a doutora Ramos, que forma parte da Unidade de Covid persistente do Complexo Hospitalario vigués, advirte que as secuelas da COVID en forma de canseira, debilidade ou mialxias, poden aparecer mesmo en pacientes que atravesaron a doenza sen síntomas graves.

Con todo, desde o punto de vista respiratorio, afirma Cristina Ramos, "estamos vendo que o cambio de medicación, co uso de corticoides, está provocando que haxa moitas menos secuelas en forma de neumonías ou fibrose pulmonar. Pero continúan aparecendo esas canseiras extremas que, a falta doutra explicación, atribuímos ao COVID persistente".

Neste sentido, a doutora recoñece que unha das principais funcións das Unidades de COVID persistente é, nun primeiro momento, descartar que as secuelas prolongadas que sufren algúns pacientes teñan a súa orixe nunha patoloxía previa ou distinta da provocada pola infección por coronavirus. Unha vez eliminada a posilibidade de calquera patoloxía de base, os síntomas persistentes atribúense á COVID 19.

A neumóloga asegura que o exercicio é un factor fundamental para acelerar a recuperación. De feito, afirma que moitos pacientes que estiveron ingresados en Coidados Intensivos e seguiron unha pauta regular de exercicios e fisioterapia recuperáronse aínda máis cedo que outros enfermos con síntomas leves con vida máis sedentaria e que acabaron desenvolvendo COVID persistente.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia