CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Asociación Hostaleiros de Lugo: "Contra os establecementos que non cumpren hai que actuar implacablemente"

21/07/2021 - 08:12 h

O presidente dos hostaleiros de Lugo, Cheché Real, fai un chamamento para que as autoridades e as policías actúen "de forma implacable" ante os botellóns e ante os locais que non cumpren as normas e favorecen a expansión do coronavirus. Afirma que o cumprimento na enorme maioría dos establecementos é moi estrito, pero pide medidas contundentes contra os que non respectan os protocolos.
"O que non podemos permitir é que despois a xente saia desaforada, xuntándose en prazas e en todo tipo de espazos onde non hai ningún control e este virus segue contaxiando un a outro, un a outro... e así exponencialmente. E iso afecta, insisto, a toda a sociedade en xeral e ós negocios de hostalería e turismo en particular".
"Hai que facer un chamamento ás forzas políticas e ás forzas e corpos de seguridade do Estado, que son os que teñen que controlar este tipo de espazos onde non hai control. Nós, os empresarios da hostalería e do turismo, somos responsables e así o estamos facendo, cumprindo tódolos protocolos. Pero os espazos de fóra non son competencia nosa. É aí de onde emana o problema. Iso sabémolo desde hai moito tempo. Pero nós aí non podemos controlar. Fago un chamamento ás forzas e corpos de seguridade do Estado e ás autoridades para que tomen nota disto e traten de controlalo".
"E que traten de controlar tamén, isto hai que dicilo alto e claro, aqueles establecementos que, nun alarde absoluto de insolidariedade, están traballando fóra de horas, facendo unha competencia desleal: no económico ó resto de compañeiras e compañeiros, e no sanitario por mor dos contaxios de COVID-19. Contra estes establecementos que non cumpren hai que actuar implacablemente".
"Son mínimos. É anecdótico. Pero en canto a contaxios estas anécdotas dispáranse exponencialmente. Hai un descontrol total. Isto é intolerable, absolutamente intolerable".
Real tamén destacou que non funciona o sistema para que só poidan entrar en locais nocturnos as persoas que teñan un certificado de vacinación. Di que "a xente non consegue os certificados", polo que propón pechar "dúas ou tres semanas" ata que se solucione a situación.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia