CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José Luis Sancha, experto en sistema enerxético: "Non hai demasiada marxe fiscal para facer baixar a electricidade"

21/06/2021 - 08:16 h

O enxeñeiro José Luis Sancha, experto en sistemas enerxéticos, profesor na Universidade Politécnica de Comillas e autor dun libro explicativo sobre o recibo da luz e do gas, aposta por unha solución europea para facer baixar a factura eléctrica, a través dos dereitos do CO2, unhas taxas que pagan as compañías por producir electricidade con gas ou con carbón, que é un dos factores que está facendo que a luz leve en prezos récord neste mes de xuño. Di que reducir o prezo deses dereitos sería unha vía a curto prazo.
 
"O mercado eléctrico está tensionado polo CO2. Iso é unha iniciativa europea coa idea de descarbonizar a economía. A nivel europeo habería que esperar unha toma de posesión conxunta".
 
"Agora mesmo hai dous impostos que gravan a electricidade: o imposto eléctrico e o IVE. No caso do imposto eléctrico, ollo! Ese diñeiro agora mesmo está indo para as comunidades autónomas, que supoño que dirán "a min quen me vai pagar isto que me quitades?" E por outro lado, o IVE, en que chegamos a mesma conclusión: de onde vai vir ese diñeiro que quitamos se reducimos o IVE? Con todo isto veño concluír que non hai demasiada marxe fiscal para facer baixar a electricidade".
 
"Estes días estamos vendo uns prezos de 24 céntimos/kwh. Iso é certamente unha barbaridade. Pero hai que racionalizar un pouco e velo no contexto. E o contexto é que nos últimos 12 meses o prezo medio foi 11 céntimos, de maneira que efectivamente estamos asistindo a un período neste mes de xuño de prezos altos pero de media ao longo do ano, que creo que é a visión que temos que ter... Non nos deixemos impresionar por Filomena ou por se agora sobe moito... Temos que velo con perspectiva e ver qué se pode facer".

"O Goberno lanzou un par de medidas que poden facer baixar os prezos. A pena é que esas medidas teñen unha tramitación parlamentaria e non vexo que se vaian poñer en marcha tan axiña. Pero realmente había que facer algo"

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia