CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

En Marea rompe

21/06/2019 - 08:08 h

Hai veces que dan ganas de pensar que a esquerda en Galicia sofre mal de ollo. E unha desas veces foi onte, cando En Marea, polo menos a parlamentaria, se meteu na máis insólita escisión que se pode lembrar. Digo insólita porque non se debe a unha profunda discrepancia ideolóxica, que non descarto. Nin é froito dunha descarnada loita polo poder. Nin procede dun desentendemento do papel das Mareas ante as vindeiras eleccións autonómicas. Todo se produce pola elección de senador dese partido. E algo aínda máis estraño: os que se van ó grupo mixto do Parlamento galego non son os críticos, como adoitaba ocorrer. Son os da dirección, é dicir, os da teórica ortodoxia. Os críticos son os que quedan co nome do grupo En Marea; os mesmos aos que hai uns días a dirección lles chamaba golpistas. Como diría o pai de Julio Iglesias, isto é raro, raro, raro.

Naturalmente, esta non pode ser toda a verdade. A crise de En Marea ten outros antecedentes que se poderían resumir así: non se pecharon as feridas das primarias do ano pasado. Nas últimas eleccións xerais xa foi un espectáculo ver como a que debía ser unha candidatura unitaria partiu en dúas: a da propia En Marea e a de Unidas Podemos. Nas municipais, como se sabe moi ben, perdéronse as alcaldías de Santiago, A Coruña e Ferrol, que eran os estandartes das Mareas e non puideron facer fronte ao pulo do PSdeG, que se aproveitou da forza do efecto Sánchez e da recuperación do Partido Socialista. Poderíase engadir que as Mareas sufriron tamén a decadencia de Podemos, que en Galicia estivo marcada polos líos permanentes. E, por se faltase algo, había as confrontacións persoais, que sempre son as peores para un proceso político e as que provocan os grandes divorcios.

Os efectos agora mesmo son visibles. En Marea, que tiña 14 deputados, pasa a ter dez, porque catro, encabezados por Villares, son os que se pasan ó Grupo Mixto. E poden ser nove, se se consuma outra escapada ao grupo de Villares. Eses catorce deputados orixinais non eran moitos, pero eran abondos para facer o primeiro partido da oposición. Agora a primacía queda nas mans do PSdeG. Villares cita ao mesmo PSdeG e ao BNG como os seus aliados, pero malas alianzas se poden soster, incluso buscar, se se rompe a primeira das alianzas, que é dun partido consigo mesmo.

Persoalmente, lamento esta situación. Non poño nin quito rei, nin son sequera quen para meter baza neste conflito. Pero, aínda que sexa tarde para dicilo, as disensións internas páganse despois nas urnas. E as rupturas páganse moito máis. E como isto vén ocorrendo en toda a esquerda de Galicia, a esquerda dos socialistas, e vén ocorrendo desde hai moito tempo, malos horizontes para En Marea. Parece que traballa para que en Galicia volva o bipartidismo. É a miña impresión, benquerido Valiñas.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia