CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Javier Garat, secreterio xeral de CEPESCA: "Sen axudas ao gasóleo, teriamos que pagar o dobre do que se está pagando"

21/05/2021 - 08:20 h

A Confederación de Armadores de Pesca de España, CEPESCA, cualifica como "brutal" o impacto que tería eliminar as axudas AO gasóleo que usan os barcos pesqueiros, tal e como piden algúns países dentro da Organización Mundial do Comercio, OMC. Dicíao no 'Galicia por diante' o secretario xeral de CEPESCA, o andaluz Javier Garat.

 "Teriamos que pagar o dobre do que se está pagando agora o gasóleo. Nas circunstancias actuais desde logo sería un impacto moi moi importante que moitísimos desde logo non o poderían aguantar".

Garat tamén amosou a súa "preocupación e incerteza" polo futuro dos barcos que traballan en augas británicas ou compartidas cos británicos. Primeiro, porque a UE e o Reino Unido aínda non pecharon as cotas para este ano 2021, que os europeos acordaron provisional e unilateralmente, ante a falta de acordo. Segundo, porque "van pasando os meses" e as dúas partes aínda non sentaron a negociar como serán as relacións no futuro acordo de pesca, que terá que rexer a partir de 2025.

CEPESCA tamén foi crítico co proxecto que ten o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para os fondos europeos de recuperación.

"Dos mil e pico millóns que están destinando ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, só 95 chegan ao mundo da pesca, que cremos que é pouco. E deses 95, menos de 20 son os que irían dirixidos realmente e directamente ao sector porque o resto, ata os 95, van cubrir necesidades estruturais da Secretaría Xeral de Pesca en cuestións relacionadas con máis inspección e control, construción de patrulleiras, melloras dos sistemas informáticos e de dixitalización da propia Secretaría, xestión de reservas mariñas e determinadas cuestións científicas".

"Seguro que todo iso é necesario para o bo funcionamento da xestión pesqueira, e do que se cadra obteremos, non o dubido, resultados de forma indirecta. Pero cremos que estes fondos deberían estar destinados a tentar axudar as empresas e os traballadores a saír desta brutal crise económica e sanitaria".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia