CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Escrivá, pensións e mais eu

21/01/2021 - 07:33 h

Antes de nada, déixame facer uso da memoria. O 14 de decembro eu xa falei no xornal 65ymas.com do proxecto do goberno de subir o período de cómputo das pensións de 25 a 35 anos. Unha rebaixa formal da pensión de xubilación. Dende daquela pasaron 37 días e 37 noites. Escribíronse centos de artigos sobre o tema. Falouse del en todas as tertulias que se fan neste país, que foron unhas poucas. E nese tempo non houbo nin unha voz do goberno que dixera que iso non era verdade. Ao revés: o domingo pola noite foi entrevistado Pablo Iglesias e non só non desmentiu nada, senón que falou dese cómputo como línea vermella para Podemos e ameazou con que esta reforma das pensións non chegaría nin ao Congreso dos Deputados.

Eu teño escrito por aí, en concreto en La Voz de Galicia, que o dito por Iglesias poñía ao goberno nunha situación explosiva: se non facía esa reforma, poñía en perigo os 140.000 millóns dos fondos europeos. Se facía esa reforma, poñía en perigo a coalición con Podemos, instalado nesa línea vermella. Resolución: non se mandou a reforma a Bruxelas, dá a impresión de que gañou Iglesias, e agora o ministro da Seguridade Social, señor Escrivá, está pensando outras fórmulas de aforro do Estado que aínda non pode decir cales son.

Sígome citando a min, e pido desculpas, para lembrar que onte dixen que non sabía se a retirada da reforma era definitiva ou era cautelar, e ¡como se puxo o ministro!: acusou á prensa de fabricar “unha narrativa de confrontación”, como se o cambio do cómputo fose inventado por nós, polos xornalistas. O rebentón de cabreo ministerial é dos que pasarán á historia da radio. Ante o ocorrido, só quero facer catro apuntes. 1) Teño o mellor concepto profesional do señor Escrivá dende que dirixiu a Airef. Os seus informes foron de absoluto rigor e absoluta solvencia. 2) Se, polo que sexa, todo o dito nos medios sobre o período de cómputo é ou foi falso e ninguén o desmentiu, este goberno é irreponsable. Non pode recibir outra calificación quen deixa que unha nova falsa se converta en verdade oficial e crea malestar en toda a poboación próxima a xubilarse. 3) Como iso non é crible, é que o goberno si pensou en subir a 35 anos e deixou que circulara a modo de globo sonda. Ao ver como reaccionou a opinión pública, retirou o proxecto. E 4) Pablo Iglesias, que está o quite desa opinión pública, aproveitou o caos para facerse forte na oposición. Ou iso, ou Pablo non tiña nin idea do que se estaba tecendo en casa Escrivá e creu máis á prensa. Como pode ser todo a un tempo, remato, benquerido Valiñas, decindo que as relacións dentro do goberno seguen sendo funestas. E como isto siga así, algún día acabará por rebentar. 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia