CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Junqueras, a miña esbardallada

20/12/2019 - 07:41 h

Onte foi o día do terremoto, hoxe é o día de esbardallar. Así que, co teu permiso, eu tamén vou esbardallar un pouco. É o que toca. O primeiro do que hai que falar é da sentenza europea. Que é o que di? Basicamente, que Junqueras ten inmunidade dende o día da proclamación dos resultados das eleccións. Ese é o tema. Non hai outro. Polo tanto, o pau ao Tribunal Supremo é dicirlle que debeu deixar saír a Junqueras para tomar posesión do seu escano. E aí acaba a historia. Nin di que haxa que repetir o xuízo, nin que Junqueras teña que ser posto en liberdade, nin entra no fondo dos delitos que se xulgaron aquí. A inmunidade, por outra parte, non é impunidade, como saben os alumnos de primaria.

O que fai o Tribunal da Unión Europea é deixar as cousas en mans do Tribunal Supremo. Se lle fai caso á Fiscalía, debe manter a Junqueras no cárcere e aplicarlle a condena de inhabilitación por trece anos. Se lle fai caso ás presións políticas, pode facer outra cousa. E para a reflexión de sentido común, a inmunidade non se pode aplicar a feitos que ocorreron no 2017, moito antes de que Junqueras pensara sequera en que se presentaría ás eleccións. Non hai inmunidade de efectos retroactivos. Afecta só o período en que Junqueras ou calquera outro sexa eurodeputado ou deputado en España.

Vistas así as cousas, o cerimonial político dos independentistas só ten a finalidade de aproveitar o momento para facer valer a súa, dicir que a xustiza española é política e que a xustiza verdadeira é a europea. Isto dálles moita moral de vitoria, ben aproveitada por Esquerra para facer presión e elevar o prezo da investidura. Agora ese prezo é a liberdade do seu líder. Imos ver como tourea a Avogacía do Estado.

Respecto de Puigdemont, o Tribunal non o cita, pero, ao falar de Junqueras, dá unha pista: que se pida a suspensión da inmunidade para que se poida xulgar en España polos mesmos delitos polos que foi condenado Junqueras. Se eu fose el, non cantaría aínda tanta vitoria.

E quixo unha curiosa casualidade que o mesmo día caese a sentenza de inhabilitación de Torra. Outro que se pon de mártir. Outro que levará o asunto, primeiro ao Supremo e despois a Europa. É o seu dereito. Pero han de saber que, polo de agora, poderá resistir como presidente, pero non poderá ser candidato.

Esa é a miña visión das cousas. O que pasa é que se se tocou unha viga do telderete e agora o que ten problemas é Sánchez. Primeiro, porque se atrasa a investidura. E segundo, benquerido Valiñas, porque ten que pensar se pode pactar, se é decente pactar, cun partido que cada día lle fala de chantaxes e cada día practica a chantaxe.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia