CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Eleccións e especulacións

20/11/2018 - 08:07 h

Se me pides información, téñoche que dicir que estou como o presidente do Goberno e todos os ministros: sei que hai que ir convocando eleccións ou poñéndolles data, pero non teño nin idea de cando. Pode ser en marzo, poden facerse coincidir coas demais e facer o 'superdomingo' de maio que tanto “sulibella”, ou pódese agardar a que pase ese domingo e despois xa veremos, como diría o cego Miguel Durán. Todo está aberto, e onte foi manifestamente esaxerado o que se dixo de Ábalos, que deixaba aberta a porta do 26 de maio. Ábalos dixo o que dixo porque lle preguntaron e todo quedou nunha posibilidade, sen máis efectos. E o mesmo cabe dicir do que explicou Sánchez en Rabat.

Se me pides opinión, coma sempre, debo dicir algunha cousa. A primeira, que me importa pouco a data, impórtame un carallo, que diría Arturo Pérez-Reverte falando de Franco. Impórtame, iso si, que se clarifique dunha vez o calendario. O país non pode estar meses e meses na dúbida de se Sánchez cumpre ou non cumpre o compromiso de convocar eleccións o antes posible, mentres que o vai deixando, coa sensación de que un día gañado na Moncloa é como un día de gloria ou unha marca na culata da pistola.

O país tampouco pode estar no desasosego dun Goberno que se mantén ou non se mantén e, sobre todo, á conta de que se mantén, porque a idea interesada da dereita de que depende dos populistas e dos que propoñen a ruptura de España é perversa para todo: para a convivencia e para a seguridade dos investidores.

Eu supoño que Sánchez está mirando as enquisas a ver canto lle convén aguantar, e está mirando as tendencias de voto, para ver se lle convén agardar contra vento e marea porque vai medrando ou saca o sinal de stop porque xa non medra máis. E está analizando a ver se xuntar as urnas municipais, autonómicas e europeas ten vantaxes ou ten risco de castigo ao Partido Socialista en todos os niveis. É dicir, que é máis tempo de sociólogos e de profetas que de políticos e xornalistas. E o último que digo é que, cando a especulación sobre as eleccións se converte no grande asunto nacional, as cousas non van ben. Empeza a faltar seguridade.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia