CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

As ANPA galegas piden máis atención ao alumnado para paliar o fracaso escolar no inicio dun novo curso

20/09/2021 - 08:12 h

Comezando novo curso escolar con certa normalidade sanitaria, representantes dos docentes e das Anpa Galegas abordaron no Galicia por diante da Radio Galega as problemáticas actuais que afronta o ensino na nosa comunidade.

Unha delas garda relación co recente informe da OCDE que salienta a España como un dos países con maior taxa de repetidores en secundaria, e un dos que ten máis mozos que non estudan nin traballan, coñecidos como NINIS.

Un asunto sobre o que se pronunciou Julio Díaz Escalante, presidente do sindicato do profesorado ANPE, apuntando que España é un dos países que menos inviste en educación de toda a UE, apenas un catro por cento, unha eiva que cómpre solucionar.

Tamén se amosou en contra do modelo de avaliación continua que propón o Ministerio que incluiría eliminar os exames de recuperación de xuño ou permitir pasar de curso con materias suspensas na ESO. "Iso do café para todos, engadiu, é enganar a sociedade... o problema así non se soluciona, senón que se enquista."

En relación á supresión dos exames de recuperación, o presidente das Anpa galegas, Fernando Lacaci, manifestou que debería ser a consecuencia dunha mellor atención ao estudante durante o curso, puntualizando que o éxito académico non está só no esforzo do alumno, senón nos apoios (económicos, psicolóxicos ou sociais) que este recibe para poder pogresar ao longo da vida académica.

Desde o sindicato ANPE salientan que a medida para mellorar a calidade do ensino radica en aumentar docentes e reducir ratios, as principais demandas do profesorado no recentemente estreado curso.

Sobre o 13 por cento de "nini" que rexistrou Galicia no último ano, matizou o presidente de Anpe que cómpre rescatar os alumnos que viron na pandemia unha escusa fácil para non facer nada.
Para o representante das Anpa, Fernando Lacaci, trátase dun grupo de mozos que se está indo do sistema, porque non atopa saída laboral aos seus estudos e ao que cómpre ofrecer outras opcións formativas como por exemplo, a FP.

Para Lacaci hai que ampliar esta oferta, asumila socialmente e dotar a comunidade de centros con opcións atractivas e de futuro para a mocidade.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia