CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Javier Varela: "Catro de cada dez establecementos terán que pechar se non recuperamos o IVE reducido"

20/07/2021 - 08:31 h

 

O voceiro estatal do sector da Perruquería e Estética, Javier Varela, considera esencial para a supervivencia do sector recupera-lo IVE reducido do 10% que lles corresponde como servizo esencial. Pídenlle á ministra de Facenda, María Jesús Montero, a rebaixa do IVE actual, do 21%, que se lles impuxo no 2012, cando gobernaba Mariano Rajoy. "Logramos que tódolos partidos votasen a favor da rebaixa do IVE na Cámara Alta, e, ao día seguinte, a entón presidenta do Senado, Pilar Llop, vetou a iniciativa. Parécenos un despropósito. Mesmo nos concellos, con alcaldes e alcaldesas socialistas, apoiáronse por unanimidade mocións de apoio ás nosas reivindicacións. Mobilizámonos porque, a partir de agora, temos dúas emendas mais: unha que o PP vai presentar en setembro, outra de ERC e unha proposición de lei máis do Partido Popular. Convocamos máis de trescentas concentracións. A última foi en Santiago, onde participaron máis de douscentros profesionais do sector".
Javier Varela referiuse ás consecuencias da situación que soportan dende o 2012, cando se lles aplicou o IVE do 21%, ata a chegada da pandemia. " Coa nova tributación, nun momento no que a taxa de paro era do 26%, moitos establecementos víranse xa obrigados a pechar as súas portas. Dende entón fomos aguantando como puidemos ata a pandemia. Dos 50.000 establecementos de perruquería, barbeiría e estética, desapeceron a terceira parte. Tres meses pechados, a imposibilidade de moverse a outras poboacións e as limitacións de aforo, están sendo un desastre para o sector da imaxe persoal. O goberno ten que darse conta de que a destrución de emprego é moi superior aos ingresos que pode supoñer para as arcas do Estado a aplicación do IVE do 21% a perruqueiras perruqueiros, e esteticistas deste país".
O representante do sector da imaxe persoal puxo o acento no problema engadido que supón agora para eles ó encarecemento do prezo da luz. " Traballamos con aparatos eléctricos prácticamente toda a xornada. Non podemos facelo a partir das doce da noite. Isto incrementará prácticamente o dobre a facturación. Se seguimos así, vaticinamos outro 40% de peches de centros de perruquería e estética. Así que, non temos máis remedio que seguir loitando, concentrándonos, protestando de maneira exemplar e insistindo en que somos un servizo esencial. Por iso queremos recuperar o IVE reducido do 10%, que é o que nos corresponde".

 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia