CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Xosé Carlos Morell González, promotor da iniciativa "Valentín Paz Andrade", para incluír no ensino galego o portugués

20/05/2013 - 09:22 h

Xosé Carlos Morell González. Promotor da iniciativa Valentín Paz Andrade, para incluir no ensino galego o portugués.

"Xa temos a riqueza nas nosas bocas, o único preciso é poñela en valor e activar esa riqueza."

O aproveitamento da lusofonía en Galicia servirá como plataforma para que a sociedade galega poida estreitar e ampliar vínculos económicos e culturais con máis de 250 millóns de persoas. 

O voceiro da iniciativa lexislativa popular "Valentín Paz Andrade", que o Parlamento tomou en consideración por unanimidade a semana pasada, así o afirmou na Radio Galega. Nunha entrevista en "Os Almorzos de Galicia por diante", Xosé Morell dixo confiar en que o portugués normativo forme parte da oferta lingüística en todo o ensino regrado tanto público como privado na nosa comunidade. 

Así mesmo, asegurou que os empresarios galegos xa se decataron hai moito tempo do potencial da lingua, da lusofonía, para conseguir obxectivos, pero que agora debe abrírselles esa posibilidade a todos os galegos. Tras lembrar que o portugués é unha lingua que falan máis de 250 millóns de persoas e que move un 4% do PIB mundial, Morell afirmou: 

"Os empresarios xa somos conscientes disto. Xa utilizamos, xa espabilamos. A cuestión é que isto, como tamén se dixo no Parlamento, hai que poñelo ao alcance de todos os galegos e galegas. Que non sexa só, digamos, a necesidade a que move o enxeño, senón que teñamos xa isto como unha riqueza, unha plataforma para que, a partir dela, poidamos desenvolver as nosas actividades de todo tipo: económico,cultural...".

 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia