CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Santiago Lago: "En España somos moi proclives a introducir bonificacións e reducións fiscais"

20/04/2021 - 08:19 h

O profesor Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e asesor do Goberno na reforma fiscal, afirma que en España hai demasiadas deducións e demasiadas excepcións nos impostos que fan reducir a recadación final das administracións públicas.

"Non é unha cuestión de tipos impositivos. No IVE, no IRPF ou no Imposto de Sociedades, os tipos en España son semellantes á media europea. Nalgúns casos incluso son superiores. O que ocorre en España é que somos moi proclives a introducir bonificacións e reducións fiscais: tipos impositivos, deducións... Entón facemos moitos buratos por que se vai coando a recadación. E a carón diso está a fraude fiscal, que aínda que non existen estimacións oficiais, as investigacións dispoñibles apunta a que é máis elevada en España que noutros países".

Santiago Lago tamén defendeu a posibilidade de suprimir o imposto do patrimonio, xa que poucos países comunitarios conservan esa figura como en España. Di que podería eliminarse se, a cambio, o Goberno lles sobe o IRPF aos que gañan máis cartos.

En calquera caso, Lago pediu máis coordinación e máis diálogo entre as comunidades autónomas e tamén co Goberno, para unificar criterios, e non só nos temas fiscais senón en todo tipo de asuntos. E puxo como exemplo a xestión da pandemia e das vacinas.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia