CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Torra non obedece

20/03/2019 - 08:03 h

Calquera é profeta do pasado, pero estaba bastante claro que Torra non ía cumprir o ultimato da Xunta Electoral Central. Nin quería nin podía facelo por varias razóns. A primeira é porque ceder sería renderse, e o presidente catalán, dirixido por Puigdemont, non fai máis que repetir iso de "nin un paso atrás", que é a esencia do seu discurso. A segunda é polo que di e lle manda dicir á súa portavoz Elsa Artadi: que manter os lazos e as esteladas nos edificios públicos é un exercicio de liberdade de expresión. E xa se sabe que a liberdade de expresión é sagrada cando é a liberdade do independentismo, non a dos demais, que se asoballa. A terceira é que tamén se sabe que Torra e todo o seu Goberno antepoñen a democracia ás leis, e eles son a democracia, co cal as leis e os xuíces non son outra cousa que instrumentos de represión aos que non se lles pode facer caso. E a cuarta é que o independentismo necesita fabricar motivos de agravio, e ter que retirar uns símbolos pola forza é un agravio máis que engadir aos moitísimos que sofren.

Así que, a partir deses principios situados entre a vontade do que lles sae das gónadas e os soños de soberanía, o que fixeron onte Torra e os seus conselleiros foi marear o peixe, gañar tempo e tratar de enganar á Xunta Electoral, como se a Xunta fose parva. Procedemento? Encargarlle o ditame ao Síndic de Greuges, que é o Defensor do Pobo. "O que aconselle o Síndic será o que faremos, aínda que non nos guste". E quen é o Síndic para meter baza nunha cuestión electoral? Que competencias ten nese sentido? Onde está a súa capacidade operativa? En ningún sitio. Pero, se aconsella retirar os lazos, é unha institución catalá a que o fai, non uns represores de Madrid. E, se aconsella mantelos, o covarde de Torra xa ten unha desculpa inventada para manter a posición. E mentres tanto, mantense a tensión co Estado, que é o que manda a ortodoxia da rebeldía.

Isto, ao meu xuízo, explica todo. Con dúas salvidades engadidas. Unha, que mal anda Cataluña se quen a goberna non entende que a liberdade de expresión chega a onde chega, que é o tempo electoral. Nese tempo, os símbolos que se amosan son dunha parte, non de todas. Polo tanto, teñen que desaparecer en beneficio do pluralismo. E a segunda, que dubido que o Goberno central poida dicir que iso é competencia exclusiva da Xunta Electoral. Tamén o é de todo o Estado que o Goberno administra. E, entre as cousas que administra, figura o uso da forza contra a violación das leis e do sentido común.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia