Galicia por Diante
Villares, adeus
A renuncia de Luís Villares a presentarse ás primarias de En Marea é, ao meu xuízo, a culminación dunha crise que nunca deixou de existir e de mortificar esa forza política. E quizais sexa unha retirada a tempo, antes de sufrir un golpe moi serio o 5 de abril. A decisión de abandonar a política é o resultado dunha decepción que empezou a aparecer hai catro anos e foi medrando ata acabar neste desenlace. Un xuíz ten a súa profesión, nada doada, pero é unha profesión que se atén a unhas regras e na que hai unha organización máis ou menos perfecta, pero organización.
Luís Villares foi candidato nas eleccións de 2016, segundo confesou, porque o chamaron. Por decisión propia, nunca daría ese paso. Por iso, como onte dixo, sempre entendeu a súa dedicación á política non como algo definitivo, senón como algo temporal. E nestes catro anos, este cronista que lles fala non viu dende Madrid ningunha noticia que fose boa para as mareas despois de conquistaren as alcaldías de Santiago, A Coruña e Ferrol. Todas foron novas de confrontación, de pelexas persoais, de desentendemento que pagou o prezo dunha escisión e, despois, de perda das alcaldías máis importantes. As mareas puideron capitalizar a oposición a Feijóo, porque tiñan escanos para exercer ese labor, pero ou Feijóo non deixaba sitio á oposición ou as mareas foron incapaces de morder o actual presidente da Xunta. Puideron tamén articular a unidade da esquerda nacionalista, pero puideron máis os personalismos.
A noticia da escapada de Villares é moi mala para o conxunto da esquerda galega. Primeiro, porque, ata onde sei, agora o futuro de En Marea é moi incerto. Incluso pode non presentarse, segundo os rumores que circulaban esta noite. Non hai tempo abondo para organizar unha saída con primarias ou sen elas, nin para fabricar un líder novo e coñecido pola sociedade.
A renuncia prodúcese, ademais, cando había intentos de formar unha candidatura nacionalista única, co BNG e Anova, e a fuga de Villares non sei se beneficia ou prexudica a iniciativa. Pero todo abandono, toda crise política ten un risco de contaxio, moi perigoso cando se entra en período electoral. O BNG, como di Ana Pontón, é agora mesmo a forza política en alza na esquerda, con permiso do Partido Socialista. Supoño que a señora Pontón se refire aos partidos nacionalistas e que se basea nas enquisas, entre elas a de Sondaxe, que lle dan ao Bloque once deputados fronte aos seis que ten agora. Xa veremos, pero as mareas, segundo a mesma enquisa, ían obter unha gran derrota. Agora, benquerido Valiñas, empeza a loita polos restos.