CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Sindicatos contra Goberno

20/01/2021 - 07:34 h

Teño aquí diante a información do xornal El País sobre esas mobilizacións e di textualmente. “A paciencia dos sindicatos para retomar as negociacións e derrogar a reforma laboral e a das pensións esgotouse. Esgotouse tanto, que van saír a protestar contra ese goberno”. Fin da cita.

Como se sabe, esas accións empezarán o 11 de febreiro, que é o día da Virxe de Lourdes, diante das subdelegacións do Goberno. Non van ser moi concorridas, porque están limitadas polas restricións do coronavirus. A Covid bótalle unha man ao Goberno, porque, aínda que as protestas sexan na rúa, os asistentes tamén teñen cabida limitada. Ás veces, a pandemia parece progobernamental.

De todos os xeitos, e á marxe de calquera anotación superficial, que non quere ser frívola, estamos ante un cambio radical da actitude dos dous grandes sindicatos de dimensión estatal. É a primeira vez que organizan protestas contra o goberno de Pedro Sánchez. No ano 2020, e no pouco que levamos do 21, onte mesmo, sempre os vimos subliñando acordos co mesmo goberno contra o que agora se erguen e coa patronal, chámese CEOE ou CEPYME. Foron media ducia de pactos sociais que penso que lle deron tranquilidade a este país e serviron de colchón para a crise social que está a incubarse por culpa da crise sanitaria.

Persoalmente, penso que non hai razóns para empezar un calendario de protestas sindicais contra este goberno. As críticas que diariamente lle facemos non se poden ampliar á política social, que está sendo a que se pode facer nun período de forte recesión. Grazas a esa política, os ERTE, por exemplo, están sendo un freo ao desemprego. Grazas a esa política, alcanzouse o que hai pouco nin se podía soñar, o ingreso mínimo vital, que ten todas as imperfeccións, pero permítelle comer a moita xente. E en todo caso, parece evidente que poucas veces se van a atopar os sindicatos con unha ministra de Traballo tan dialogante e cun Consello de Ministros máis próximo ás súas ideas. O gasto social é o que está facendo que a débeda pública sexa de 1,3 billóns de euros, co cal non queda moita marxe para aumentalo. E as empresas non están tan sólidas como para emprender agora a derrogación de toda a reforma laboral. Ademais, algúns dos motivos polos que saen á rúa deberíanos levar ante a Comisión Europea, que é a que impón as medidas máis discutidas.

E dito iso, chámame a atención unha cousa: este anuncio de mobilizacións coincide co anuncio que hai pouco fixo Pablo Iglesias de mobilizar a rúa. Algunhas das reivindicación sindicais, por non dicir todas, coinciden punto por punto coas reivindicacións de Podemos. Non quero ver pantasmas nin caer en teorías conspiranoicas, pero as casualidades non existen en política. Por iso, deixo no aire dúas preguntas: van ser os sindicatos o brazo de Podemos? É Podemos a panca que move os sindicatos? Cando teña unha resposta, benquerido Valiñas, xa vola direi.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia