CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

A investidura, un calvario

19/06/2019 - 08:04 h

Teño un pequeno problema para comentar como vai a cuestión de investidura: fíome pouco, ou moi pouco, por non dicir nada, do que se está a dicir de como van as negociacións. E fíome pouco porque non hai transparencia do que está pasando.

Da última xuntanza entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, por exemplo, soubemos por unha filtración, que non sabemos de que lado veu. Unha vez producida, houbo que enchela de contido e dicir iso de que as posicións están moi distantes. Hoxe engádese que Sánchez non quere xente de Podemos no Consello de Ministros, e só lles daría postos de segundo nivel. Se isto é así, non habería Goberno, porque se algún empeño ten Podemos é que Pablo Iglesias teña poltrona ministerial. E levou tan lonxe esa demanda que non lle resultará doado aceptar unha rebaixa. Co cal, aquilo do Goberno de cooperación perde forza e encantamento. Pregunteille, por certo, a unha persoa próxima a Sánchez que era iso da cooperación e díxome: un Goberno sen acordo de lexislatura. É dicir, un Goberno con moitas debilidades. Pero Pedro e Pablo seguirán falando, que é o mellor que saben facer e, mentres hai conversas, hai esperanza.

Despois temos os escanos que farían falta para completar o acordo, porque o PSOE e Podemos só suman 165 e seguen faltando once para a maioría absoluta e uns cantos para a maioría simple en segunda votación. E iso depende do factor navarro, do factor canario e doutros factores rexionais. Que a grande esperanza de Sánchez empecen a ser os independentistas non anuncia nada bo. E respecto a Ciudadanos e o Partido Popular, cada día renovan unha promesa de que a Pedro Sánchez non lle darán nin auga.

O panorama, polo tanto, ponse intrigante. Demostra que con 123 deputados, os mesmos que tivo Rajoy e que o obrigaron a repetir eleccións hai tres anos, é moi difícil compoñer unha maioría tranquilizante, unha vez que os nacionalistas se pasaron ó independentismo e pasaron tamén de reclamar cartos e competencias a reclamar o dereito de autodeterminación. Todo está así de complexo. Mentres tanto, teño a impresión de que o Goberno en funcións está a meter presión para evitar repetir eleccións. Nese sentido, paréceme importante o que dixo Tezanos, o presidente do CIS: que quen negue apoio a Sánchez o pagará nas urnas. Se iso non é meter presión, benquerido Valiñas, direi o que dixoo noso bardo: que veña Deus e o vexa. Amén.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia