CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Federico Martinón: "A xente ten que estar tranquila, completar a pauta con Pfizer non vai supoñer grandes diferenzas"

19/05/2021 - 08:17 h

O coordinador da unidade de vacinas en ensaios clínicos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Federico Martinón, envía unha mensaxe de tranquilidade á poboación sobre a vacinación, despois de que o Ministerio decidira completar a primeira dose de Astrazéneca cunha segunda de Pfizer nos menores de 60 anos.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', Martinón cre que este tipo de decisións, aínda que son seguras, "xeran confusión. O que queremos é que a xente se vacine con tranquilidade e estas decisións técnicas son difíciles de explicar á poboación".

Martinón era máis partidario de completar a pauta de AstraZeneca coa mesma vacina, xa que era máis rápido e igualmente seguro: "Nos moi pouco frecuentes casos de trombos, o risco de poñer a vacina por primeira vez é maior que a segunda". Explica que se as persoas vacinadas coa pauta inicial non experimentaron eses raros efectos secundarios, "están a demostrar que non teñen esa vulnerabiidade", polo que non lle ve sentido a cambiarlles a segunda dose.

O doutor explica que o estudo Combivacs do Insituto Carlos III non é suficiente para tomar unha decisión nunha ou noutra dirección, algo que se sabía- di- desde que foi concebido: "Unha cousa é que o estudo sexa interesante e pertinente e outra é que sirva para xustificar a decisión". Martinón lembra que o obxectivo deste tipo de ensaios de combinación de vacinas é "ter información e estar preparados no caso de que houbese un corte de subministración dalgunha das vacina ou houbese que combinalas por verdadeira necesidade".

En opinión de Martinón, non vai haber diferenzas significativas entre completar a vacinación con Pfizer ou con AstraZeneca, polo que a poboación ten que estar tranquila. Ao seu ver, o problema é que se perdeu tempo na inmunización global: "Estamos a falar case de 2 millóns de doses que xa poderían estar postas, que xa poderían facerse útiles para a xente. Ese é o verdadeiro drama".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia