CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José Flores: "En Galicia hai un incremento constante, mantido e lixeiro de casos, pero non se reflicte nos hospitais"

19/04/2021 - 08:16 h

O xerente do Sergas, José Flores, asegura que ata o momento Galicia contén o avance da cuarta onda que se detecta noutras comunidades autónomas e mantén unha situación estable nos hospitais, sobre todo nas Unidades de Coidados Intensivos.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', José Flores afirmou que "malia que en Galicia hai un incremento constante, mantido e lixeiro dos contaxios, non se está transmitindo a un aumento no número de casos nos hospitais".

Considera que a establidade na ocupación das UCI se debe, entre outros factores, á campaña de vacinación, especialmente entre os colectivos máis vulnerables. Aínda así, o xerente do Sergas cre que hai que agardar á evolución da incidencia nas próximas semanas.

José Flores asegura que a Consellería de Sanidade conta con todo o persoal sanitario e non sanitario para recuperar a actividade asistencial que se suspendeu temporalmente durante a pandemia.

Flores afirmou que o plan de recuperación está destinado sobre todo a reprogramar o calendario de probas e de consultas médicas non esenciais. O plan tamén contempla o retorno gradual da presencialidade en atención primaria.

O xerente do Sergas anima os cidadáns a acudir aos cribados organizados pola Consellería de Sanidade especialmente en áreas, como a de Vigo, onde se detectou un incremento dos contaxios nos últimos dez días.

Flores sinalou que o distrito de Vigo é o que máis preocupa neste momento as autoridades sanitarias e relacionou o aumento de casos nesta área coas festas e reunións de non conviventes.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia