CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias: "No sector do leite e da carne necesitamos tipificacións delituosas e sancións"

19/02/2020 - 08:12 h

Unións Agrarias chama aos gandeiros galegos a se manifestaren hoxe diante da Delegación do Goberno, na Coruña, para pedir prezos xustos para o leite e para a carne.

"Hoxe temos enriba da mesa dez industrias que compran leite en Galicia, onde se produce case a metade do leite de España, ofrecendo o mesmo prezo de 0'29 euros por litro, tres céntimos por debaixo do que o propio Ministerio establece como custos de produción".

"Imos necesitar non só boa vontade, non só códigos de boas prácticas como o pactado nas mobilizacións de 2015, senón tipificacións delituosas, sancións e actuación, porque de boas vontades lévanse cerrando todos os anos mil explotacións".

"Cada vez quedan menos gandeiros e España segue sendo país deficitario en leite. Ocorre o mesmo coa carne de vacún, que segue con prezos de hai 30 anos en pesetas e cos custos de produción de hoxe en euros. E iso leva a aquilo que despois os políticos polas mañás dan golpes no peito laiándose de que o medio rural queda abandonado e non hai xente nova que queira incorporarse".
Unións Agrarias tamén advirte dos riscos que ten para Galicia o proxecto de orzamentos europeo, que prevé reducir as axudas para o agro.

"En Galicia pode ser unha situación dramática, se se consolida o que é unha proposta. Creo que temos que loitar para que iso non se leve a cabo porque todos os días lles escoitamos aos propios gobernos, tanto ao galego como ao nacional, e tamén ás propias industrias que o sector do leite, que vende a custos, practicamente vive do que lle queda da marxe de subvencións por litro".

"Ocorre o mesmo nas explotacións de carne de vacún na montaña de Lugo e de Ourense. Practicamente o que perciben do mercado non cobre os custos de produción e o que lles queda ás explotacións é o que perciben da PAC".

"O debate presupostario de cantos cartos van vir para a agricultura e a gandería é o primeiro debate que temos enriba da  mesa e logo hai un segundo: que, se van vir menos cartos, imos ter que ser moito máis atrevidos en que eses cartos vaian para quen demostre que vive e traballa no campo".

Roberto García recordou que en España hai 700.000 perceptores de axudas comunitarias agrícolas, pero só 400.000 son realmente agricultores. Os outros 300.000 son propietarios que non traballan as terras.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia