Galicia por Diante
Eleccións, acoplamentos
Que bonita a precampaña, cos seus discursiños brandos, cos seus discursiños duros, cos que chaman roxo a Ábalos, cos que chaman facha a Abascal, cos seus vetos, coas súas dereitas e con Sánchez que aproveita a televisión! Coido que con ese medio poema de labrego reconvertido resume o que está pasando na precampaña. Isto parécese a unha cerimonia de acoplamento, como o das naves espaciais. Estamos na etapa de se faceren fortes, incluso imbatibles, uns empuxados polas enquisas, outros porque son así de nacemento. E o que onte me chamou máis a atención foi ver o presidente do Goberno, que, por unha banda, acusa os independentistas de teren medo ao diálogo e de lle botaren abaixo os presupostos, pero, ao mesmo tempo, non descarta volver entenderse con eles despois das eleccións. Ao mellor é que lle colleu medo ao que dixo Esquerra Republicana de Catalunya: que, sen entendemento cos cataláns, España sería ingobernable.
E os demais partidos tamén empezan a fixarse a ver a quen poden coller de noiva ou a quen descartan por mala moza. E aí abriu xogo Ciudadanos: nas xerais non fará ningún pacto co PSOE. Nas municipais e autonómicas xa falaremos. Pero de formar maioría con Pedro Sánchez, nada de nada. Non sei se será un erro de Albert Rivera, porque Ciudadanos fíxose un partido forte sendo transversal: onde podía ou lle conviña, como en Madrid, pactou co Partido Popular. E en Andalucía permitiu o Goberno de Susana Díaz, pero despois deu o cambiazo e agora goberna co PP e con aditamentos de Vox. Pero vese que Pedro Sánchez non é tratable. E vese, supoño, que Rivera quere capitalizar o cabreo que moita xente ten co actual Partido Socialista.
Ao mellor acerta: farían estudos que os levan por ese camiño. Pero a min os vetos non me gustan. Dende o intre en que os partidos se empecen a vetar entre si, media España non poderá falar coa outra metade. Mal asunto para cando haxa que pactar algunha cuestión de Estado. E ademais, querido Valiñas, ensináronnos que a pel do oso non se vende ata cazalo. E aquí estase a vendela moito antes. O normal sería agardar á noite do 28 de abril, ver como quedou a repartición de votos e escanos e a partir de aí falar de coalicións ou de apoios puntuais. Pero está visto que neste país vótase máis por prexuízos. Rivera non estimula o voto ao seu favor. Estimula o voto contra Sánchez. Que lle saia ben.