CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Rolda de presidentes

18/12/2019 - 07:41 h

O primeiro que hai que dicir é que esa rolda telefónica de presidentes non é natural, nin habitual, nin nada que se lle pareza. É un invento sanchista forzado pola peticón de Esquerra de que Sánchez fale con Torra. E, como non estaba ben vista esa conversa despois de non poñérselle ao teléfono e porque non queda ben poñerse en mans dos separatistas, inventou falar con todos para disimular. Interésame bastante máis a rolda que Sánchez vai facer cos axentes sociais, especialmente os empresarios, porque necesitan que se lles dea moita tranquilidade, porque empezan a sentir pánico.

O segundo é o balance das conversas de cuarto de hora. Pode ser este: moito sorriso é cordialidade para os separatistas, porque fan falta os seus votos, e ningunha promesa para os presidentes do Partido Popular. Así, hoxe publícase que aos do PP nin agua, nin IVE, nin ningún compromiso. As guerras abertas polos impostos en Madrid seguen abertas. A de Andalucía polo gasto público, tamén. E a de Galicia polos douscentos millóns do IVE, igual. Polo visto, non se trataba de resolver ningún dos problemas que ten este país, senón exclusivamente da investidura do señor presidente. O resto pode agardar.

De todas as chamadas que Sánchez fixo, a mais morbosa era a que fixo a Torra, porque non falaban dende as eleccións, a pesar de que Torra desgastou o dedo de tanto marcar. Do que falaron hai que distinguir dúas cousas: as intencións e as posibilidades de cumprilas. As intencións son boas, faltaría máis. Na versión da Moncloa, trátase nada menos que de baixar a tensión territorial, de enfocar o problema catalán e de facer desta lexislatura a lexislatura do diálogo, que queda moi ben e ninguén se pode opoñer a tal altura de miras.

As posibilidades quedan reducidas ao optimismo de cada un. Pensar que Torra e os demais 'indepes' poñen por diante a represión, que é perseguir a quen incumpra as leis, a liberdade dos presos, que é competencia da xustiza e a autodeterminación que non cabe no ordenamento nin con calzador, ese é outro cantar. Eu son dos que penso que o acordo con Esquerra e a mesa de negociación que xurdirá del, vai durar o tempo que se tarde en poñelo porriba dessa táboa, si é certo que Sánchez non se quere saír do marco constitucional. Como onte dixo o presidente Feijóo, non é para ter ningunha confianza. Se non se cede ao independentismo, malo, porque se aveciña unha lexislatura curta. Se se cede, aínda peor.

Pese a todo, a cousa vai. O que se di nos 'mentideiros' de Madrid e incluso aparece nalgúns xornais é que haberá primeira sesión de investidura o día 27 e segunda votación o día 30. Benquerido Valiñas, Deus nos colla confesados. Amén.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia