CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Valls e Rivera

18/06/2019 - 08:04 h

Como teño escrito por aí, concretamente en La Voz de Galicia, a min o que me preocupa desta historia é o seguinte: se, como di Ciudadanos, Ada Colau e Maragall son igual de independentistas, o problema non é que Rivera rompa con Valls. O problema é que a suma de dous independentistas, que foron os partidos máis votados en Barcelona o 26 de maio, dan unha maioría abafante. Aínda que estean separados formalmente, se pensan o mismo respecto á independencia, é que o Concello de Barcelona caeu en mans do separatismo. E, polo tanto, unha gran vitoria dos que queren romper con España, que sempre aspiraron a que Barcelona se incorporase á asemblea de alcaldes independentistas. O secesionismo soña co día en que todos os concellos da Comunidade pidan a autodeterminación, porque iso non habería quen o puidese parar na Unión Europea.

O problema seguinte é o primeiro xesto de Colau, que non foi arranxar o tema dos top manta ou dos desafiuzamentos, senón volver a colocar o lazo amarelo na fachada. Iso, que é un sinal de identidade, subleva moita xente e acaba por deixar a Manuel Valls como un inocente, no mal sentido da palabra, e dálle a razón a Rivera. No resto de España non se acaba de entender que a cuestión dos presos é transversal e hai moita xente que, sen ser independentista, non quere os seus políticos presos. E tampouco se entende que Colau é, ante todo, unha populista que fará o que pensa que é máis popular.

Respecto á ruptura de Rivera e Valls, é a crónica dunha división anunciada. É público e notorio que non se falan ou falan pouco e que discrepan especialmente na cuestión das alianzas con Vox, que a Valls lle parecen unha herexía. Esa diferenza viuse na praza de Colón, onde Valls estivo, pero negouse a aparecer na foto final que se fixo. En cada achegamento que houbo na confección dos pactos municipais, Valls levantou a súa protesta, como se fose a prolongación en España da postura de Macron. A agresividade contra Rivera ten acento francés.

Se era unha crónica anunciada, non hai que darlle moitas voltas máis. O que pasa é que a alianza con Valls, nunha plataforma que non acabou de levar o nome de Ciudadanos, deixou este partido sen poder local en Cataluña, onde pasou de ser o partido máis votado nas eleccións autonómicas a case desaparecer nas municipais. Ningunha ruptura é boa, como ben sabemos, Valiñas; pero esta é, ademais, perigosa, porque deixa a Ciudadanos sen un valor político importante, transmite imaxe de división, e queda como máis próximo á extrema dereita que ao centro que prometeu.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia