CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

PSOE, listas de vinganza

18/03/2019 - 08:06 h

Dixo García-Page que a movida das listas electorais é habitual, e ten algo de razón: sempre hai xente que cae e xente que se incorpora. Os que caen choran e os que entran aplauden. Pero unha cousa é mover e renovar os nomes e outra facer unha desfeita. E os dous grandes partidos andan máis na desfeita que na renovación. Hoxe pódese ler na prensa que Casado só deixou catro cabezas de lista procedentes de Rajoy. E o PSOE, por quen me preguntas, deu un sanchazo; un sanchazo na cresta do partido. Pedro fala de renovación, porque é o xeito máis presentable de presentar a movida. Pero non fai falta ser unha aguia para descubrir que renovación é neste caso o eufemismo de purga, de desquite ou claramente de vinganza, porque o líder socialista pasou factura de todo o que tivo que sufrir cando foi descabalgado e volveu penosamente á secretaría xeral. E pasou tempo abondo para poder presumir de que aprendeu que a vinganza é un prato que se serve frío. Agardou o que tivo que agardar e agora impuxo a lei da oportunidade: o que daquela se moveu agora non aparece na foto.

Así que colleu o arado pola rabela e a rabela tamén, como se dicía no Tartufo de Marsillach e dixo aquilo da aldea galega: "Aquí quen manda é Roque, e Roque son eu". Colleu as listas de Andalucía, prescindiu de todos os leais a Susana Díaz e quedou cos seus. O que queira protestar que vaia a Serra Morena, e dona Susana expresou o novo queixume dos pinos: "Tomo nota". Penso que tomou nota de que non acabou a guerra contra o susanismo e que, como no verso do poeta, "voces de morte soaron cerca do Guadalquivir".

E cerca do Miño tamén. Velaí temos a revolta que se produciu en Galicia, acompañada de dimisións. E velaí temos a José Blanco, que foi un dos tridentes do PSOE con Zapatero e Rubalcaba, e quedou descabalgado da lista europea, xunto con Elena Valenciano. Outra táboa rasa. Outra cabeza ilustre que cae en función da lealdade, lealdade inquebrantable que se esixe, e que pode levar a Blanco a unha despedida da política, cousa que persoalmente lamento.

Tradución de todo isto: Pedro Sánchez é un killer. Pon cara de boa xente, pero pasa a gadaña sen piedade. Todo para o líder. Díscolos e reticentes fóra. O PSOE é Pedro Sánchez. E o máis impresionante: onte, no Comité Federal, o apoio foi unánime. Susana Díaz tomou nota, pero votou a favor. E é que se pensa que a vinganza aínda pode ser peor.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia