Galicia por Diante
Sánchez e Casado, nada
Onte eramos pesimistas sobre o resultado desta xuntanza, e hoxe, lamentablemente, certificamos que o pesimismo tiña razón. Sánchez e Casado non se puideron entender porque estaban moi lonxe nas súas posicións. Pero non se puideron entender, sobre todo, porque non se dan as condicións para asinar ningún acordo.
O presidente do PP chegou ao Pazo da Moncloa cunha oferta boa, pero envelenada para o socialismo: ofrecer a Sánchez estabilidade a cambio de que Sánchez renunciase a todo o que define a súa estratexia: a mesa de negociación cos cataláns, a busca do apoio de Esquerra aos orzamentos, a garantía da inhabilitación de Torra e a aceptación xeral de case todas as propostas do PP en Cataluña. Fíxoo incluso con astucia: baseándose no que Pedro Sánchez dixera na campaña electoral, de estar radicalmente en contra do independentismo, de volver a tipificar como delito a convocatoria dun referendo ilegal e outras ledicias que, escoitadas hoxe, o farían poñer vermello.
Casado sabía, porque parvo non é, que Sánchez non ía aceptar nada diso. E, polo tanto, o que fixo na explicación á prensa foi aproveitar o intre para lembrar o seu programa electoral, o principal das súas ofertas, ou para lembrar as debilidades de Sánchez dende o punto de vista da dereita. Tanto o que dixo Casado coma o comunicado do Goberno ou a conferencia de prensa da voceira Montero parecían actos electorais.
Isto é a parte formal do fracaso. A realidade de fondo é que agora non sabemos canto tempo estarán as institucións sen renovarse e que este país seguirá dependendo da necesidade que teña Sánchez de compracer os nacionalistas. Por iso, cando algún di que a lexislatura vai ter a duración limitada á mesa de negociación, mal asunto: xa se está xogando á chantaxe.
Eu penso que Pablo Casado se pasou nas condicións que puxo. Non se pode tratar de impoñer a un partido a ideoloxía e o programa de goberno de quen perdeu as eleccións. E, se o Goberno xa está formado, é ilusorio pensar que se pode aceptar o que reclama a oposición.
Fallou, por tanto, o método. Sánchez non soubo encarrilar a conversa e limitala aos asuntos máis urxentes, como a renovación das institucións. Casado non tivo a flexibilidade de entender o que se pode e o que non se pode reclamar. E, ademais, teme darlle vida á coalición con calquera xesto de aprobación. Entre unhas cousas e outras, unha ocasión perdida, e o que non sabemos, benquerido Valiñas, é se se poderá recuperar. Dende logo, a voceira Montero falou como se se acabase o mundo.