CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Eleccións, primeiras enquisas

18/02/2019 - 08:05 h

Unha vez convocadas as eleccións, supoño que o que máis interesa é o que acabas de contar: as primeiras enquisas e os primeiros tons dos candidatos cando aínda faltan setenta días para que vaiamos votar. Setenta días, Valiñas! Ao ritmo que cambian as cousas neste país nos últimos tempos, en setenta días pode haber setenta novidades. Pero fagamos como que non falta tanto. As primeiras enquisas confirman algo previsible porque xa estaba ocorrendo: que isto vai de bloques. A un lado, o bloque máis claro, que é o que xa se chama "bloque de Colón" pola concentración que se fixo nesa praza de Madrid. Ao outro, o PSOE mais Podemos, e xa veremos se algún independentista. O que está en xogo é quen é o primeiro en cada bloque, para ver quen é despois o presidente. A cousa andaría entre Pedro Sánchez e Pablo Casado, salvo que Ciudadanos siga medrando, que esa é outra. E en todas as enquisas sae que o PSOE será o primeiro partido. Con máis ou menos deputados, pero o primeiro partido. Se se confirma, Pedro Sánchez acertaría na súa estratexia e na data escollida para votar: non houbo presidente máis criticado, criticado ata a crueldade, pero el derrota á opinión publicada e aí o tedes: subindo e aínda pode subir máis. Que poida gobernar é outra cousa, porque o PP, Ciudadanos e Vox andan a rozar a maioría absoluta.

Respecto ao ton dos candidatos, que quizais sexa o que sigan no resto da precampaña e da campaña, non me acaba de gustar. Non me gusta ver partidos de centro incorporando as propostas e o discurso de Vox. Non me gusta ese Sánchez que vai de sobrado nos eloxios a si mesmo e ao seu goberno e aproveita os escenarios do Estado, que son de todos, para facer propaganda do seu partido. Non me gusta que haxa unha división entre constitucionalistas e non constitucionalistas, porque non é verdade, e porque, se gañan estes últimos, o que entraría en crise sería o sistema e a Constitución. Non me gusta esa corrente de opinión que está dicindo que a situación política de hoxe é parecida á dos anos trinta do século pasado, en que houbo unha guerra civil. Non me gusta, polo tanto, que se empece a falar das dereitas como a CEDA e das esquerdas como Fronte Popular. Pero, en fin, Valiñas, queda tempo e ao mellor vemos que todos os líderes volven á senda da moderación. Non o creo, pero todo pode ocorrer.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia