CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

López Abella: "O pacto de Estado recolle que hai que ter en conta as persoas próximas á vítima da violencia machista"

17/09/2019 - 08:13 h

A secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, é partidaria de abrir o debate para que a Lei contra a violencia de xénero teña en conta os familiares e outras persoas próximas á vítima. Un debate candente estes días, tras o triplo crime de Valga, no que un home matou a súa ex-muller e tamén a irmá e a nai desta, que non serán consideradas vítimas da violencia machista.

Nunha entrevista na Radio Galega, López Abella referiuse á custodia dos dous fillos da muller asasinada. Apuntou que os servizos de menores da Xunta "están a disposición do que a xuíza decida, pero tamén hai que recordar que teñen familiares moi próximos e hai que ser prudentes e agardar". A responsable de Igualdade apuntou tamén que o Concello e a Consellería de Educación traballan para que o regreso ás aulas dos nenos lles sexa "o máis doado posible".

Tamén falou López Abella da necesidade de insistir na prevención da violencia machista a través da educación desde moi cedo. Cre que os mozos e mozas están reproducindo roles machistas e advirte sobre o risco dun mal uso das redes sociais, polas que "entran moitos estereotipos".

Por último, a secretaria xeral de Igualdade animou a denunciar os casos de violencia machista e asegurou que o 74 por cento das mulleres que pediron axuda conseguiron refacer a súa vida.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia