CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Román Rodríguez: "Non debemos identificar o galego cun determinado punto de vista político"

17/05/2021 - 08:18 h

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, asegura que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, hoxe falan galego máis persoas que hai cinco anos. Nunha entrevista no 'Galicia por diante', Rodríguez afirmou que "temos datos positivos, temos tamén outros menos positivos, pero o realmente importante é que a nosa lingua se use en liberdade, se use con total normalidade e sirva para comunicarnos, para coñecernos e, en certa medida, tamén para identificarnos como galegos e facelo sempre cunha perspectiva inclusiva e construtiva".

Para Román Rodríguez, Galicia "conta cun modelo educativo propio que cumpre os seus obxectivos, no senso de que todos, a inmensísima maioría dos galegos coñecemos a nosa lingua e unha gran maioría tamén a usamos en liberdade, dun xeito harmónico co castelán. En Galicia temos dúas linguas: unha propia e dúas oficiais". Rodríguez fai tamén un chamamento a "non identificar o galego cunha determinada posición ou punto de vista político, senón que o galego é das persoas que libremente o usamos e debemos entendernos e comunicarnos co resto das persoas na lingua que queremos".

O conselleiro tamén sinalou que "o sistema educativo galego dá competencias e destrezas para entender, falar, ler e escribir aos mozos galegos e, de feito, somos unha das comunidades autónomas con mellores índices de competencia lingüística". Para Román Rodríguez, "os mozos galegos son os que usan as dúas linguas oficiais e fundamentalmente a lingua propia con maior normalidade e cunha maior cota de uso, comparativamente a outras comunidades autónomas".

Para favorecer o uso do galego entre a mocidade, o conselleiro referiuse ao Proxecto Nós, impulsado pola Xunta e a Universidade de Santiago, que ten como obxectivo crear un fondo de recursos gratuíto e de código aberto "para poder interaccionar en galego coas máquinas". O proxecto Nós está pensado para desenvolver ferramentas lingüísticas que permiten interactuar en galego cos asistentes de voz e outros dispositivos informáticos.

Por último, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, puxo a escritora Xela Arias, a figura homenaxeada no Día das Letras, como exemplo do emprego do galego en ámbitos xuvenís e urbanos e como expresión de que o galego "é unha lingua de modernidade".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia