Galicia por Diante
Sánchez e a dereita
Teño unha primeira dúbida, que é a seguinte: se Pedro Sánchez non conta co Partido Popular nin con Ciudadanos, por que recibe hoxe a Casado e Arrimadas? Pode ser porque Arrimadas llo pediu e non pode dicirlle que non. E pode ser porque Sánchez quere demostrar que fala con todos, e se fala con todos non pode deixar fóra da rolda dous partidos constitucionalistas. E pode ser, terceira explicación, porque busca que Casado o cargue de razóns para seguir con Esquerra Republicana. Algo así como: intenteino co PP, puxo unhas condicións inaceptables, como que teño que deixar a presidencia sendo o partido máis votado, non teño máis remedio para non ir ás terceiras eleccións que entenderme cos separatistas cataláns. Todo sexa pola gobernabilidade.
Feita esta especulación, pouco se pode esperar das dúas reunións que hoxe haberá no pazo da Moncloa, aínda que a oferta de Arrimadas sexa a mellor, porque dela sairía un goberno con 221 deputados, cos que se poden facer todas as reformas que se queiran e garantir a aprobación de todos os orzamentos dos catro anos de lexislatura. E, ademais, a solución que máis tranquiliza a xente, porque hai medo a Podemos no goberno e hai moito máis medo a que o acordo con Esquerra se rompa á primeira dificultade que haxa na mesa de goberno a goberno. Ese é o problema de garantir a investidura e esquecerse do resto de tempo. Ten moito máis de aventura que de seguridade.
Cal é o problema de que Sánchez non acepte a gran coalición da que hoxe se podería comezar a falar? Que Sánchez non quere nin quixo nunca unha coalición nin unha colaboración co PP. É para el como unha condición de vida. Cando Rajoy lla ofreceu no 2015, Sánchez respondeu que nada de nada, que non había nada que falar. Co cal, Rajoy, por seguir coa conversa, díxolle, “Ben, pois polo menos podemos tomar unha cervexa”.
Ese é o talante do presidente en funcións e non hai nin un só dato que indique que cambiou de actitude. O Partido Popular cáusalle urticaria. Témelle máis que a un nubrado a idea de que poida haber xente na esquerda que o acuse de entenderse coa dereita mellor que coa esquerda, aínda que esa esquerda se chame Podemos ou sexa independentista. Nesas condicións, as esperanzas que este cronista ten nun entendemento co PP e Ciudadanos é, benquerido Valiñas, manifestamente mellorable. Para que o houbese, Sánchez teríase que ver moi afogado. Quero dicir, máis afogado aínda do que está.