CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

'Brexit', o divorcio

16/11/2018 - 08:03 h

Como o do 'brexit' é tan complexo, case que prefiro falar do difíciles que son os divorcios entre nacións. Está claro que en Inglaterra houbo un referendo. Está claro tamén que gañou o desexo de saír da Unión Europea. E está claro tamén que, cando o pobo manda algo en democracia, hai que cumprilo. O que non di o pobo é como hai que facelo nin como se reparten os bens nin quen se encarga do coidado dos fillos. Así que os dirixentes políticos dunha e da outra parte póñense a discutir as cláusulas de disolución da sociedade. Cando dous chegan a un principio de acordo, como chegaron a señora May e o negociador comunitario,entran en xogo as familias e aí rebenta todo. Os ministros de May,que onte a estas horas parecían subscribir o documento que lles facilitou a primeira ministra, despois empezaron unha desbandada que deixou á señora en precariedade.

E así está agora esa dona: co Goberno esfiañado, con membros do seu propio partido que lle esixen unha cuestión de non confianza, cunha oposición que quere forzar eleccións e cos espectadores que non sabemos dicir se haberá 'brexit' ou non e, se o hai, como será. E pasa o que pasa nas familias das parellas: que unhas queren unha separación máis radical e outras non queren ningunha separación. E o Parlamento, que é coma un xuíz de familia, agora ten que pensalo moito. Del depende o futuro, e hoxe é o día que non se pode descartar nada: nin que rompa de xeito case violento, unilateral dirían en Cataluña, nin que o 'brexit' deixe de existir, nin que Europa, que non ten plan B, estea condenada a vivir durante moitos anos nesta incerteza de se hai divorcio ou non o hai.

E non che podo dicir moito máis, benquerido Valiñas. As separacións son así de traumáticas. Son contar o que unha das partes, Inglaterra, ten que pagar á outra parte da parella como indemnización: uns 60.000 millóns de entrada e outros 7.000 ao ano, que deben ser como a pensión alimentaria. E o que queira entender, que entenda. O que pasa é que está ao outro lado do mapa e non escoita Galicia por diante.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia