Galicia por Diante
A enquisa do CIS en Andalucía
Que cousas pasan neste país, benquerido Valiñas! Resulta que se fai unha enquisa de intención de voto, e resulta máis interesante como se fixo e como se tabulou que os resultados que dá. A culpa xa sabemos de quen é: do presidente do CIS, señor Tezanos, que cambiou o método e deixou os analistas e os sociólogos coa boca aberta e nesa boca entrou a desconfianza. E agora volveu a cambiar, pero saíu do método clásico e aceptado por todos, e a xente volve a desconfiar.
E por que desconfiamos? Antes, polo ben que saía o PSOE, moito mellor que nas enquisas privadas. E agora, ante a enquisa de Andalucía, o PSOE volve saír ben. Diría que demasiado ben para o que son as expectativas. Que Susana Díaz teña os mesmos escanos que nas eleccións pasadas, despois dos ERE, despois de que houbo algún que gastou o diñeiro público en drogas e encasas diso que se chama finamente “casas de lenocinio”, e despois de que os niveis de paro sigan sendo os maiores de España, só ten unha explicación: ou os andaluces votan PSOE aínda que neve na Costa do Sol ou nesta enquisa hai algunha trampa. Parte da prensa pensa que si, que hai trampa, porque o xornal 'La Razón', por exemplo, di hoxe que a sondaxe é “tan groseira que resulta intragable”.
De todos os xeitos, é o que hai. E, se a enquisa fose crible entodos os resultados, contén algunha lección importante. A primeira é que o PSOE do Sur ten unha fidelidade de voto a probade bombas. Pase o que pase, ségueno votando. Ao peor é porque os demais partidos son pouca cousa. A segunda é que o principal inimigo do Partido Popular é, efectivamente, Ciudadanos, que lle quita algo así como dez ou doce escanos, que nunha comunidade autónoma son moitos. A terceira é que non se debe despreciar a Vox, porque consegue entrar no Parlamento andaluz. E a cuarta é que, gañando, Susana vai ter dificultades para gobernar, porque a socia natural, Teresa Rodríguez, de Podemos, apoiará o PSOE, pero non a Susana. E así queda a cousa. Pero mira, Valiñas, que cousa más bonita: o 2 de decembro estaremos máis pendentes de se acertou Tezanos que de quen gañou. Ese é o prezo das trampas.