CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ethel Vazquez: "A autovía Santiago-Lugo ía rematarse para este Xacobeo 21-22 e ata 2025 non a imos ter en servizo"

15/10/2021 - 08:14 h

"Rotundamente negativa". Con estas palabras cualifica a conselleira de Infraestruturas e Transporte, Ethel Vázquez, os investimentos do Estado en Galicia para 2022 en materia de infraestruturas. Nunha entrevista no GxD, Vázquez recoñece que os investimentos aumentaron, pero matiza: "Os orzamentos do Estado soben, pero vimos dun orzamento do ano anterior que era o mínimo histórico e o Goberno de España conta con fondos europeos de reconstrución que non veñen a Galicia".

A titular de infraestruturas do Goberno galego considera que "os investimentos en materia de estradas non permiten avanzar nas grandes actuacións pendentes na rede viaria". E pon un exemplo: a autovía Santiago-Lugo. "Ía rematarse para este Xacobeo 2021–2022 e vemos como as anualidades se desprazan ata 2025. Ata ese ano -sinala a conselleira- non a imos ter en servizo". A autovía Vigo-O Porriño "só conta cunha partida de 100.000 euros" e a autovía da Mariña "desaparece practicamente das contas".

En materia ferroviaria, Ethel Vázquez recoñece que os investimentos medran, pero "están centrados exclusivamente na modernización da liña Ourense-Monforte-Lugo", que conta cun investimento de 250 millóns de euros. Vázquez lamenta que na planificación non se contemplaran variantes de trazados que permitan acurtar tempos: "Esa liña estará electrificada pero non reducirá tempos competitivos", asegura.

A conselleira de Infraestruturas ve "carencias" noutras liñas, como a conexión A Coruña-Ferrol, que ten cunha anualidade de 17.000 euros; e a liña Vigo-Ourense, que conta cunha partida "realmente pequena". Segundo Vázquez, "os investimentos en materia ferroviaria céntranse exclusivamente na liña Ourense-Monforte-Lugo e o resto das liñas desaparecen practicamente da planificación, así como a saída sur de Vigo".

Na entrevista, Ethel Vázquez amosou a súa preocupación polos investimentos contemplados para o enlace ferroviario do porto exterior da Coruña. Hai unha partida de 3 millóns de euros de anualidade para unha obra presupostada en 150 millóns de euros a executar nun prazo de 50 meses.

"Vemos un atraso enorme sobre os avances desa obra que comprometera o anterior ministro Ábalos pola nosa insistencia e perseveranza para recuperar a fachada marítima da Coruña. Dixérannos que se ía avanzar na licitación en xullo deste ano 2021 e está rematando o ano e non hai perspectivas. Coas anualidades previstas en 2022 o horizonte para licitar e adxudicar non o vemos claro e nos preocupa porque parece que non vai ser en 2022". Ademais, a conselleira cre que "hai un risco evidente de que non se cumpran os prazos dos fondos de reconstrución".

A titular de Infraestruturas e Transportes do Goberno galego amosou ademais a súa preocupación polas consecuencias que a crise dos materiais está tendo na obra pública. Asegura que o prezo dos materiais aumentou "ata un 60 por cento e vemos unha ralentización das actuacións en marcha como consecuencia do incremento exponencial do prezo de materiais esenciais e unha falta de subministracións". Ethel Vázquez pídelle ao Goberno que adopte medidas lexislativas similares ás aprobadas en Francia e Italia para paliar este incremento dos prezos e esta falta subministracións: "Lamentamos que non se aproveitase a Lei de orzamentos para implantar medidas lexislativas necesarias que viaiblizarían moitas obras en execución en Galicia. Eu pídolle ao Goberno de España que recapacite e reflexione".

Vázquez defende que se aprobe unha lei que permita revisar os prezos dos contratos para viabilizar a execución das obras pendentes. "Precisamos unha modificación da lexislación a nivel estatal que nos permita facer unha revisión de prezos que a hoxe non é viable pola propia lei de contratos e pola normativa estatal".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia