CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Profecías a dúas horas

15/02/2019 - 08:07 h

A min, querido Valiñas, non me importa equivocarme dunha semana para outra. Incluso dun día para outro. Na política deste país o máis doado é meter a pata, porque a ver quen é o listo que acerta a saber o que pensará Pedro Sánchez esta noite. Igual que a ver quen foi o listo que podía adiviñar que onte Oriol Junqueras ía proclamar o seu amor a España, á súa cultura, á súa lingua e non sei cantas cousas máis, que só lle faltou pedir unha bandeira constitucional e poñerse a darlle bicos, que era o Día dos Namorados.

Pero ao que ía: a min non me importa equivocarme dun día para outro, ou incluso da mañá para a tarde. Pero é que faltan dúas horas para que o presidente faga a anunciada declaración institucional. Dúas horas. Pouco máis do que dura un partido de fútbol. Vinte euros máis ou menos de peaxe na autoestrada AP-9. Eu podo xogar á lotería coa data das eleccións, pero, se nunca acerto un número da Primitiva, e xa non digamos do Euromillóns, como vou acertar un propósito de Pedro Sánchez? Estou peor que os ministros, que eles sempre poden dicir iso que teñen tan ensaiado de "é competencia exclusiva do presidente", e eu teño que confesar, baixando a cabeza, que non teño nin idea.

Pode ser o 28 de abril por aquilo de ter recente a foto dapraza de Colón, pero tamén pode non ser. O superdomingo de maio non creo, porque se poden levantar en armas os baróns do partido. E hai xente, entre a que me conto, que aposta polo outono, máis ou menos entre a recollida das patacas e a caída das castañas. Pero faltan dúas horas, Valiñas, e, estando tan cerca, váiseme notar moito que non teño nin idea. En dúas horas podo perder todo o prestixio que teño acumulado durante anos como adiviñador de pensamentos alleos. Non, non quero desvalorizarme moito como profeta, que as profecías políticas cárgaas o demo.

O que me importa é o que veño dicindo estes días: que o voto nunca chegou tan dividido a unha data electoral; que o país non será moi gobernable se a aspiración dos grandes está nos cen escanos e a ninguén se lle ocorre nin soñar cos 176. E que o que sairá das urnas serán bloques e poucos partidos dominantes. E que vexo na xente moita desorientación para votar. É outra cara da crise política.

Así que entendo que o meu comentario desta mañá era marear a perdiz. E unha vez mareada, recollo a bóla de cristal, lévoa a reparar ao taller de trastes vellos e de meigallos, e aí vos deixo. Como profeta do pasado, podo prometer e prometo acertar o luns.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia