CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Sentenza do TS e os seus efectos

14/10/2019 - 07:40 h

Ante a sentenza que se vai coñecer nas vindeiras horas caben dúas reflexións: unha, a sentenza mesma do que se sabe, que é produto dunha filtración; e a segunda, os efectos que terá na rúa e na política xeral deste país e de Cataluña.

Primeiro, a sentenza. A min o que me parece máis importante é que o Supremo parece que non se deixou influír polas presións externas, que foron moitas e poderosas. Decidiu e considerou que todos os procesados eran culpables, uns en maior grao ca outros. Non percibiu que houbese delito de rebelión, senón de sedición, porque os feitos de violencia non foron abondos para cualificalos de rebelión. Iso supón que as penas son algo máis baixas, pero son penas de cárcere. O que hoxe se destaca en parte da prensa é que o Supremo non fixa os prazos para acollerse ás medidas de terceiro grao e de permisos, e iso deixa unha gran liberdade de actuación ás autoridades de Cataluña, das que dependen as prisións onde están. Poderase alegar que, aínda que o Supremo non se pronuncie, están as leis que o regulan, pero tamén está o antecedente de Oriol Pujol, ao que lle deron beneficios antes de cumprirse ningún prazo. Podemos ver calquera cousa. E non se pode dicir moito máis, mentres non coñezamos o contido literal dos cincocentos folios.

Despois, a reacción social e o impacto político. Hoxe, como acabamos de escoitar, hai dous xornais que falan da apertura dun novo ciclo político. Non sei que se entende por novo ciclo político, que tamén pode ser unha forma de saír do paso sen mollarse moito. De momento, esta semana veremos moita revolta nas rúas. As accións de protesta están estratexicamente tan divididas, que non sei se haberá policía para tanta mobilización. Pero non se van manter de xeito indefinido. Algún día pararán. O notable, ao meu xuízo, é que agora comeza outra batalla polo relato: uns, a defender que o estado é represor; outros, a defender que a lei é igual para todos e hai que cumprila e acatar o que din os xuíces. Non sabemos, nin hai forma de sabelo, os efectos que terá no independentismo. Verémolo, probablemente, nas elección do dez de novembro. Pero hai unha cousa clara, que a dixo Gabriel Rufián: que, mentres haxa presos, non haberá solución ao problema político. Esa é a perspectiva máis negativa, pero coa que hai que contar.

Está todo aberto, benquerido Valiñas. Todo aberto. A evidencia é que, coma no conto de Monterroso, o dinosauro segue aí e quererá sacar forzas para aproveitar o descabezamento xudicial para reiniciar o procés. E o que tranquiliza ou pode tranquilizar moita xente é que hai institucións que defenden España, comezando polo poder xudicial. Non sei se iso tranquiliza moito, pero hai que destacar a verdade.

 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia