Galicia por Diante
PP versus Vox
Había onte un titular no xornal El Español que dicía máis ou menos: "Pablo Casado descobre que a finalidade de Vox é botalo a el, a Casado, e non a Pedro Sánchez". Pois o que está a pasar entre o Partido Popular e Vox é exactamente iso, con todos os matices que se queiran. As enquisas estanlle dicindo ao PP que moito coidado coa tropa de Abascal, que lle está roubando votos e medrando á custa súa. Dende o punto de vista ideolóxico, os danos tamén son abundantes. Tanto achegarse, tanto arrimarse, a foto de Colón, o cabreo da xente, está facendo que se produza un transvasamento que quizais non sexa moi grande aínda, pero ameaza a supremacía do partido clásico da dereita. E a terceira circunstancia é que o PP central, o estatal, endureceu a súa postura, e moita xente xa non sabe distinguir cal é a dereita auténtica ou a que convén ante as desfeitas e os pactos do Partido Socialista de Pedro Sánchez.
Dese xeito, nos últimos días, Pablo Casado decidiu cambiar a estratexia e optou por distanciarse de Vox. É dicir, por marcar diferenzas, como dicindo aquilo que dicía Alfonso Guerra ao principio da transición: "É que nosoutros somos outra xente, carallo". Primeiro asalto, dicirlle a Abascal que non existe, que non se ve, que non fai propostas nin ten equipos e que se refuxia no estilo Trump de esconderse e aparecer só nas redes sociais. E ten razón Casado, o cal nos leva a unha primeira reflexión: se Abascal funciona así e non lle vai mal, ao mellor o erro do PP é poñerse demasiado debaixo dos focos, que fan ver e escoitar os seus discursos, pero tamén descubrir as súas debilidades.
Abascal, polo menos, ao estar na procesión dos Caladiños, non fai ruído, pero tampouco se equivoca. Dende hai moito tempo, son os demais os que lle están facendo campaña.
Segundo cambio, que é a nova de hoxe: pedirlle a Vox que non se presente nas provincias pequenas para non dividir un voto que pode dar trinta ou corenta deputados. É unha petición razoable entre amigos, pero é unha demanda hostil entre competidores. É tentar o orgullo de Vox para que Vox responda o que tiña que responder: "Aparta ti". E nesas andan. O que eu teño que dicir é que, sendo bo o diagnóstico e a receita, as cousas non se fan así, debaixo dos focos. Se hai que chegar a ese acordo, fálase en privado, páctanse as condicións e mírase a ver que pode ceder cada un. Lanzar o órdago en público é tentar o rexeitamento do interpelado. Parecen novos, querido Valiñas. Ao mellor é que son novos e novatos.