CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Villares, sobre os deputados de En Marea: "Preferiron seguir as directrices de Madrid"

14/02/2019 - 08:09 h

O voceiro de En Marea, Luís Villares, cualifica de "decepcionante" a actitude dos catro deputados da formación no Congreso que votaron a favor dos orzamentos xerais do Estado e en contra do marcado pola dirección do partido instrumental.

"Eran uns orzamentos que non eran bos para Galicia; por iso En Marea sempre dixo non aos orzamentos. Os únicos que cambiaron o sentido de voto foron eles. Tiñan a referencia da axenda galega do cambio. Se non se cumpría, tiñan que votar que non. Nada facía pensar que ían votar que si e quen o fixo terá que explicar por que. Parece máis ben que están na lóxica doutra forza política. Preferiron seguir as directrices de Madrid e non as que viñan de Galicia", apuntou Villares.

Villares evita aclarar se se lles abrirá un expediente disciplinario e apraza o debate ao consello das mareas que se vai celebrar o sábado. Insiste en que se trata dunha "cuestión política e non disciplinaria".

O voceiro de En Marea non comparte as palabras do deputado e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, que asegurou que o grupo confederal non ten potestade para marcar as directrices políticas da confluencia no Congreso. O voceiro de En Marea asegura que "En Marea é un proxecto político galego e o grupo parlamentario non se debe á dirección, senón ao programa, que é a axenda galega do cambio. Polo tanto, cando na negociación non se conseguen melloras para Galicia,  o sentido do voto é evidente; non porque o diga a dirección, senón porque o di o programa político. Había un programa galego, e o Goberno non se comprometeu con el, e procedía votar non".

Destaca que houbo outras forzas políticas que viron satisfeitas as súas demandas, como Compromís ou o PNV, pero cre que por parte de En Marea non se viu un xesto do Goberno coa axenda galega do cambio e responsabiliza a Unidos Podemos diso.

"Durante a negociación a dirección do grupo confederal arrogouse a representación de todos os deputados e deputadas, pero vese que non levaban a axenda galega do cambio e, cando os deputados e deputadas de En Marea intentaron negociar, dixéronlles que todo o peixe estaba vendido", apuntou.

Ante unhas novas eleccións xerais, Villares avanza que En Marea se presentará "de tal xeito que quede garantido un grupo parlamentario propio. O que está claro é que algunhas cousas teñen que cambiar. En Marea non vai volver a participar nun grupo confederal que hipoteque a nosa estratexia política. A nosa estratexia pasa por unha axenda propia".

Ao preguntarlle sobre se haberá unha ruptura, responde que "nós somos un proxecto social galego baseado na democracia e na xustiza social e os que collan dentro desa definición estarán dentro do espazo. Trátase de ser consecuentes co proxecto político e onte vimos que algunha xente non o foi". 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia