Galicia por Diante
Panorama incerto
A situación é esta: Sánchez aguantou o que puido, e o que puido chegou ata os presupostos. Os independentistas fixéronos imposibles, o PP e Ciudadanos tiñan que votar en contra e as contas públicas caeron estrepitosamente, tal como estaba previsto. E Pedro Sánchez, que xogou a gobernar sen presupostos, e con decretos, ten todas as trazas de dar por perdida a partida e non lle quedan máis que dúas saídas: ou a desesperada de presentar unha moción de confianza ou convocar eleccións. Hai quen di que a votación de onte xa foi a cuestión de confianza, co cal non ten moito sentido repetila para obter o mesmo resultado. Pero Sánchez debe andar coa dúbida, porque só así se explica o silencio contumaz que mantén.
Se somos realistas, a consideración que acabo de facer reduce as saídas a unha: eleccións. Só falta o trámite de anuncialas oficialmente, e agárdase que se faga mañá despois do Consello de Ministros. A discusión é cando. Falouse do 14 de abril, pero non parece boa data, se é Domingo de Ramos e gran parte do país empezou a Semana Santa. Mesturar votos con ramos e urnas con procesións non parece boa mesturanza. Peor aínda é o 21, porque é domingo de Resurrección. E, respecto ao día 28, todo depende do que digan Tezanos e Iván Redondo: tamén é apresurado, pero á esquerda dáselle moi ben iso de ir ás urnas co espantallo de que veñen as dereitas. E para iso está a foto do domingo na praza de Colón; da manifestación fascista, dicía onte Joaquim Torra, o demócrata que menospreza as leis.
E nesas estamos, dándolle voltas a ver que domingo é o mellor, pero non para o país, senón para o Partido Socialista, que para iso ten a rabela do arado, e a rabela chámase calendario. Pero, querido Valiñas, o de menos é a data. Domingo arriba ou domingo abaixo, pouco cambia a historia do país. O problema de verdade é facer un país gobernable, e que mal nos collen estas eleccións! O voto, segundo as enquisas, está máis dividido ca nunca. España hoxe non ten un líder de referencia como o ten Galicia na figura de Feijóo. Os novos empuxan, pero ninguén chega nin a soñar cunha maioría abonda. O perfil de bloques, de dereitas e de esquerdas, encherá o país de máis tensións aínda. E os independentistas poden ter unha tentación: facer o país ingobernable. No fondo, é o que fixeron onte ao tombar os presupostos. Tempos complexos. A pesar do que veño dicindo, só as urnas os poden aclarar.