Galicia por Diante
A renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial
A renovación do Consello do Poder Xudicial é un feito case biolóxico, que se repite cada cinco anos por estas datas. O mandato do Consello cesante acaba o 4 de decembro, e as negociacións para nomear os novos vogais e o presidente empezan mes e pico antes. Polo mesmo, cada cinco anos repítese a mesma leria: se está ben que eses vogais sexan elixidos polo Parlamento ou é mellor que os elixan os xuíces, se sae un Consello conservador ou progresista, ou qué se cede a cambio de non sei que. Iso pasa cada cinco anos, e agora tócalle no peor momento, que alguén xa chamou a tormenta perfecta: cando o prestixio da Xustiza está polo chan, cando hai manifestacións diante do Supremo e dos tribunais superiores, e cando está a caer o xuízo aos líderes do procés. Isto fai que as interpretacións do que se fixo sexan case infinitas.
O meu criterio persoal é o seguinte. Entre que o Parlamento elixa os membros do Consello ou que o fagan as asociacións de xuíces quedo co Parlamento, que é político, pero representa a soberanía nacional. As asociacións son endogámicas e están tan politizadas e enfrontadas ou máis que os partidos políticos.
Se o Parlamento elixe os membros do Consello, debería facelo co maior respecto ás formas, que en democracia son tan importantes coma o contido. E as formas son que non se debería nomear o presidente do Consello antes que os electores dese presidente, que son os vogais. E onte soubemos antes quen será o presidente, co cal os vogais teñen que votar a quen decidiron os partidos. E iso é moi importante, porque é o primeiro sinal de que se perde independencia. E algo aínda peor: dado o cambalache que se fixo, esta renovación debe quedar como exemplo de mercadeo: o PP dálle a maioría á esquerda a cambio de que a esquerda lle dea a presidencia. Despois veñen outras consecuencias, como o nomeamento dun novo relator do xuízo do procés, ou a entrada de Podemos no Consello. Pero diso falaremo soutro día. O de hoxe é que se fixo unha renovación política e partidista e que o procedemento foi un duro exemplo de mercadeo.