CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Catedral ferida

13/03/2019 - 08:04 h

Gustaríame moito ter unha mínima documentación: as veces que ao longo dos séculos foi atacada deste xeito a catedral de Santiago en tempo de paz. Pero non a teño, benquerido Valiñas. Así que non teño máis remedio que botar man da memoria e dicir que no que eu lembro nunca pasou nada parecido. Hai sete meses, esa escultura pintada ao estilo de Kiss. Agora, iso que se escribiu no propio Obradoiro. Eu non me escandalizo de nada. O único que digo é que algúns están volvendo aos tempos máis escurantistas, por non dicir salvaxes, da historia.

Na época en que hai máis medios para expresarse con absoluta liberdade e absoluta impunidade, vólvense buscar as paredes, canto más sagradas mellor, para que? Para ofender. Para amosar outra vertente da cultura do odio que está prendendo nunha parte pequena, pero ruidosa, da sociedade. Neste caso, o odio amosouse ás crenzas relixiosas; á maior institución do Estado, que é a monarquía, nada menos que cunha apelación á guillotina -un xeito suave de crítica-, e o de menos, que é un ataque a un partido político.

Polo tanto, eu penso que non se debe disimular o suceso como un acontecemento illado, senón como a semente dun mal maior que xa non respecta nada e busca a provocación dunha maneira que se parece dalgún xeito ao terrorismo de baixa intensidade.

Agora hai unha gran discusión, naturalmente política, sobre que se debe facer. Hai quen pensa que con borrar as pintadas xa se acabou o problema. E a outro choio, furacoio. E non é así. As solucións, se as hai, teñen que ser proporcionadas. Non se pode dicir que se cometeu un atentado contra o patrimonio galego e mirar para outro lado. Non se pode predicar que a catedral de Santiago é un dos grandes monumentos da cristiandade por méritos artísticos e históricos e situar unha agresión así no capítulo das anécdotas ou das falcatruadas.

A catedral de Santiago non é segura, como se demostrou no roubo do Códice Calixtino. Tampouco é segura por fóra, como se acaba de demostrar agora. Se a catedral fose unha sucursal bancaria ou un establecemento comercial, seguro que habería medidas de seguridade, custen o que custen, e débenas pagar a Xunta, o Concello de Santiago e a Igrexa católica. Aínda así, pode haber atentados. Pero ninguén poderá dicir que un dos maiores monumentos de Galicia está desprotexido.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia