CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Xuízo do 'procés', primeiro día

13/02/2019 - 08:05 h

Antes de nada quérome fixar, co teu permiso, nalgunhas imaxes. A primeira, a dos procesados sentados. Aí están todos. Din que é o xuízo do século. Compárano co xuízo do 23-F, pero hai unha diferenza: no xuízo do 23-F todo o mundo quería que os acusados fosen condenados. Neste, un número importante de cidadáns, case todos cataláns, quere que sexan absoltos.

A segunda imaxe é a dos xornalistas. Seiscentos acreditados. Televisións de moitos países, dispostas a seguir a vista. Aquilo, á hora da transmisión, era como a ONU: escoitábanse crónicas en todos os idiomas, e vaian vostedes saber que contaba cada unha. O máis probable é que recollesen o mesmo que se recolle aquí: que aos implicados se lles negaron todos os dereitos. E iso non soa igual en Alemaña, poño por caso, que aquí, onde coñecemos ben o pano.

A terceira é a entrada de Torra na sala. Todos os procesados se volveron cun sorriso, menos tres: Carles Mundó, Santi Vila, que anda polo xuízo como un traidor á causa, e Oriol Junqueras, que permaneceu impasible sen torcer a cabeza. Esa foto retrata moi ben o independentismo: Junqueras non quere saber nada, nin sequera quere mirar o representante de Puigdemont. A ferida segue moi aberta: para Junqueras, Puigdemont é un covarde que fuxiu mentres el leva máis dun ano preso.

E a cuarta é a da sala en si. A verdade é que impón: tanto veludo, tantas togas, tantos puños de encaixe solemnes, sete xuíces do máximo nivel, tanta solemnidade. Será a imaxe que nos acompañará ao longo de tres meses. A nós e aos millóns de espectadores que o queiran ver en todo o mundo, porque é un xuízo retransmitido por streaming.

E a primeira xornada foi como todas: dedicada ás cuestións previas. Pero foi moito máis: marcou o ton polo que veñen as defensas. É un ton de ataque. E un ton máis político que xurídico e, por tanto, máis de mitin que de códigos. Foi un muro das lamentacións, moi acorde co vitimismo tradicional do independentismo catalán. Saíron todos os agravios, reais ou inventados: que é un proceso á disidencia, que a acusación fala unha lingua militar, que se pisaron todos os dereitos, ata o punto de que a Junqueras non o deixaban ir á misa. E Torra coroou o festival dicindo en conferencia de prensa que aos presos os fan madrugar. Todo isto indica unha cousa: eses avogados non están pensando no Supremo. Están pensando na xustiza europea. O Supremo é un trámite, un xuízo político. Europa é para eles a xustiza de verdade. Xa veremos.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia