Galicia por Diante
Macron e os nacionalismos
Macron tampouco é Deus, ou sexa, que non hai que tomar as súas verbas como un mandato do ceo. Pero, se hai un discurso que un político ten que preparar ben, é o que onte pronunciou, porque o estaban escoitando setenta xefes de Estado e de Goberno, estaba sendo retransmitido, e estaba destinado a ser reproducido en todos os medios informativos. Sirva como exemplo o que está pasando agora mesmo na Radio Galega: é o argumento de apertura dun programa que se chama 'Galicia por diante.'
Así que, dende esa responsabilidade, o presidente francés marcou tres obxectivos: traballar pola paz, mellorar a sociedade e o que se me presenta esta mañá: abandonar o nacionalismo e –dixo tamén Macron— as ideoloxías escurantistas. Non é ningunha novidade nos seus discursos. Diría que case é unha obsesión. Posiblemente sexa o dirixente europeo que máis predica contra os nacionalismos. Entendo que nas dúas versións que hoxe ten o concepto: os nacionalismos interiores, que moita xente chamaría rexionalistas, que tropezan co xacobinismo francés, e os nacionalismos nacionais, se se me permite a redundancia.
Eu coido que onte Macron pensaba nestes últimos. Pensaba, sen dicilo, no nacionalismo de Trump, que goberna baixo o slogan de "America first", "América primeiro", e iso supón desfacer tratados e antepoñer a todo o interese dos Estados Unidos. Pensaba na Inglaterra do Brexit e quizais na Rusia de Putin. Pensaba que, cando o nacionalismo se converte en paixón, deixade ser un sentimento racional. E pensaba neses nacionalismosque están xurdindo en Europa e que son a base do
euroescepticismo e os principais inimigos e o principal risco da Unión Europea. Sen eses nacionalismos, non tería habido as guerras que houbo na historia. O nacionalismo é o que, efectivamente, provoca os enfrontamentos entre nacións. Polo mesmo, se hai rexurdimento das paixóns nacionais, volve o risco de conflito armado. Iso é o que quero entender que dixo ou quixo dicir Macron.