CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Feijóo, o gran desafío

12/02/2020 - 07:37 h

Aquí, en Madrid, dende onde eu falo, e no círculo en que me movo, que é o xornalismo, non se fala doutra cousa. E a min, como son galego e todo o mundo sabe que son galego, a pregunta que me fan estes días non é a consabida de “como che vai?”, senón a de actualidade: “Como ves o de Feijóo?”. Como son de Mosteiro-Pol, a primeira resposta miña é: “Que é o de Feijóo?”. Entón o interlocutor bota unha bocalada seguida dunha exclamación: “O das eleccións. Que carracho vai ser!”. E, como se a conversa fose un interrogatorio, empezan a preguntar se vai gañar por maioría absoluta, por que se resiste a pactar con Ciudadanos e todas esas cousas polas que nos interesamos tamén en Galicia.

É que Feijóo en Madrid –e penso que no conxunto de España- é moito Feijóo. Leva doce anos saíndo nos telediarios, é moi entrevistado nas radios e nos xornais, e enténdeno outra vez como o presidente do PP nacional se se torce o de Casado. E que respondo eu? Pois o que se pode responder: que calquera sabe. Gañar a maioría absoluta é algo que xa non se leva, como non sexa nalgún concello. De feito, Feijóo é a xoia do PP, porque é o único presidente dese partido que goberna en solitario. Non ten que someterse aos pins paternais de Vox nin cousas polo estilo. Agora ben, volver gañar por maioría absoluta sería unha proeza, porque sería a cuarta, que é insólito, pero pode ocorrer. Sería igualar as maiorías de Fraga, e as enquisas, de momento, non o desmenten. A última que eu coñezo, -seguramente hai outras e cada partido terá a súa- é a de La Voz de Galicia, que dixo que hoxe Feijóo tería 38 escanos. É dicir, que tería a maioría, pero xustiña xustiña. Como dirían nunha crónica deportiva, rozando o traveseiro. Un pequeno corremento de votos cara á esquerda ou un aumento dos votos de Ciudadanos e Vox poderían deixalo sen presidencia. Eses son os seus adversarios principais: a esquerda, que con Sánchez e Iglesias no Goberno central non é o mesmo, e Ciudadanos e Vox, que algo poden morder, aínda que a mesma enquisa non lles dá entrada no Parlamento.

Pero eu non estou aquí para facer de profeta. Sigo tendo avariada a bóla de cristal, que non atopo quen ma arranxe. O único que digo é que, se un presidente non se queimou en doce anos, algún mérito debe ter; se nas últimas eleccións foi o dique para conter os demais partidos conservadores, algún liderado debe ter tamén; e se dos 41 escanos que ten só perde tres, segundo a enquisa que citei, e segue tendo unha perspectiva de 38, téñoo que dicir, benquerido Valiñas: mal gobernante non debeu ser.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia