CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Juan Manuel Vieites (CEG): "Todo se pode falar na reforma laboral, sempre que non se toque o que pode ser a recuperación"

11/05/2021 - 08:24 h

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, que onte participou nunha xuntanza na Coruña coa ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, pide que as reformas laborais non poñan en perigo a recuperación económica. Di que esa recuperación e o crecemento deben ser a máxima prioridade do Executivo, polo que sería inaceptable calquera medida que a puxese en risco. Ademais, insiste en que calquera modificación debe negociarse dentro do diálogo social.

"Creo que hai que abordar temas da xente nova, un plan de choque para recortar ese 40 por cento de paro que temos neste momento. Tamén as contratacións que existen neste momento se poden reducir en canto a fixo, temporal e formativo, pero sempre que se busque a recuperación económica do noso país e polo tanto de Galicia. Penso que nestas cuestións estamos de acordo pero sempre que non se toque o que pode ser a recuperación".

O presidente dos empresarios tamén recordou que onte lle entregaron a Nadia Calviño un documento cos intereses galegos, que a vicepresidenta, "sendo galega", "ten que defender os intereses galegos". Vieites subliña e apoia calquera medida necesaria para "garantir a actividade" das empresas. E citou como medidas urxentes a simplificación administrativa, a urxente reindustrialización, especialmente nalgunhas zonas, e aproveitar "a grande oportunidade" que supoñen os fondos europeos de reconstrución. Engade ademais que subir impostos ou implantar peaxes nas autovías pode poñer en risco esa recuperación.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia