CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alberto Ruano, epidemiólogo: "A desescalada pode facer aumentar os contaxios nos próximos días"

10/05/2021 - 08:16 h

O epidemólogo Alberto Ruano advirte de que o virus da Covid segue entre nós e non desbota unha repunta dos casos tras a fin do estado de alarma. "A tendencia neste momento é favorable, pero haberá que ver como inflúe o levantamento das restricións. Non deixa de ser unha hipótese, pero de sete a dez días veremos se se produce un pico de casos, tanto en Galicia coma no resto de España". "O virus segue entre nós, aparecen novas variantes, e a porcentaxe de vacinación segue sendo baixa. Entón, non podemos desbotar unha repunta importante. O perfil de ingresos nos hospitais está cambiando. Os sanitarios din que cada vez hai máis xente nova e que permanecen máis tempo no hospital. Pódese reducir un pouco a mortalidade, pero a ocupación hospitalaria segue aí".

O profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC considera que o estado de alarma debería prolongarse un pouco máis. "O ano pasado, a fin da desescalada durou semanas, e, agora, cunha incidencia máis elevada, faise de repente. É bastante contraditorio. A taxa de vacinación non é colchón dabondo para evitar unha quinta onda da pandemia. Podería funcionar coas persoas maiores, con máis cobertura vacinal, pero, cos datos que temos hoxe, non hai colchón para a posible diseminación do virus, naqueles casos onde non sexamos prudentes no contacto interpersoal".

Alberto Ruano fixo un chamento á prudencia logo das celebracións da fin de semana tras levantarse o estado de alarma. "Parece que moita xente pensa que o contaxio ao aire libre non existe, pero si que existe. Onte vimos xente sen máscaras, a pouca distancia, berrando, se se actúa desa maneira, o risco está aí. En condicións normais, por suposto, hai moitas menos posibilidades de contaxiarse ao aire libre que en espazos pechados".

O epidemiólogo opina que, de momento, non se dan as condicións para retomar a celebración de grandes eventos culturais ou deportivos. Pronunciouse sobre o anuncio da Xunta de recuperar, a finais do verán, eventos do Xacobeo "Coa situación que temos hoxe, non deberían celebrarse eses eventos. Só poderían facerse se os casos seguen baixando nas próximas semanas, e chegamos ao verán cos datos do verán pasado e cunha alta porcentaxe da poboación inmunizada".

O profesor de Medicina Preventiva da USC amosouse crítico coa decisión do Goberno de que as próximas restricións contra a covid pasen primeiro polos tribunais. "Non pode deixarse o control epidemiolóxico en mans dos xuíces. As decisións sobre a pandemia non poden tomarse con criterios estritamente xurídicos. Hai que deixar actuar a administración sanitaria. Goberno e comunidades autónomas teñen mecanismos epidemiolóxicos para iso".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia