CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Nava Castro, directora de TurGalicia: "Estamos acadando bos datos, pero queremos seguir mellorando"

09/08/2019 - 08:11 h

A directora de Turismo de Galicia ve moi positiva a superación en Galicia dos 2 millóns de viaxeiros. No Galicia por diante mostrábase prudente e defendía un traballo continuado no que é preciso escoitar as demandas do sector e tamén dos turistas.

"Satisfeitos, pero sempre con precaucións, porque para nós os datos son boísimos. O traballo que se esta facendo en colaboración co propio sector, indo ás distintas feiras, os viaxes de prensa e familiarización... Todo indica que estamos acadando bos datos e bo comportamento, pero queremos seguir mellorando e seguimos facendo distintos produtos para ser un destino atractivo e que non sexa sempre o mesmo".

Castro considera que a desestacionalización se está a cumprir en Galicia xa que o crecemento do turismo se está a producir durante todo o ano, non só en verán. A oferta de experiencias e de gastronomía fai que os viaxeiros veñan independentemente da meteoroloxía.

"Aínda que chova, como saben que pode chover en calquera momento, a xente que nos elixe é porque sabe con que condicións contamos. Por que veñen? Eu creo que imos ter que poñer de criterio o tempo. Con estas olas de calor que houbo en Andalucía e na metade sur de España, hai moita xente que ven aquí a gozar, a poder durmir, a respirar con tranquilidade, a gozar de todo o que ofrece o noso destino".

A directora de Turismo de Galicia considera que, segundo os datos, non hai masificación en Galicia  e hai que seguir traballando para potenciar o ano santo xacobeo, ofrecendo a súa colaboración a todos os concellos que queiran promovelo con actos culturais.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia