CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Vázquez Reino, presidente da Federación Galega da Construción: "No sector hai repulsa total á futura lei de vivenda"

08/10/2021 - 09:13 h

A Federación Galega da Construción di que o sector ten unha repulsa total á futura lei da vivenda que prepara o Goberno. Á espera de coñecer a letra miúda do texto, o presidente da federación, Diego Vázquez Reino, di que é inxusto argumentar que hai un conflito social para obrigar os promotores a reservar un 30 por cento das construcións para vivenda social. Dicíao no Galicia por diante.

"No sector hai unha repulsa total. Desde logo, xa como un concepto xeral, calquera minoración das liberdades, como liberdade de comercio ou liberdade económica, eu creo que vai en detrimento. Aducir un tema de conflito social ou que hai necesidades sociais creo que é totalmente inxusto e é alleo á realidade".

"A situación é que os investidores, os promotores que vaian optar por arriscar ou por investir en materia de vivenda... isto desde logo vai ser algo que os vai frear. Desde logo non estamos nunha situación como para frear esta situación".

"Creo que hai un descoñecemento do sector, en primeiro lugar. Hai un descoñecemento claro e a situación da vivenda pública e a vivenda en xeral... a construción da vivenda nova é unha situación en que hai un enorme risco. Vimos dunha situación de parálise de moitos anos e estábase empezando a reflotar e este tipo de actuación no compartimos, a priori".

Vázquez Reino tamén advertiu que o encarecemento das materias primas está supoñéndolles, de momento, un aumento dos custos de "practicamente un 30 por cento". "É unha problemática tremenda para o sector", apunta. Por iso, di que están buscando mecanismos para actualizar os seus prezos, tanto para o sector público como para obras privadas.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia