CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Rolda na Moncloa

08/05/2019 - 08:04 h

Pasada a rolda de xuntanzas, a miña primeira pregunta é se cambiou algo despois das eleccións. E a resposta está condicionada por unha ausencia: sabemos o que dixeron os visitantes, pero non temos ningunha versión do que pensa o Presidente en funcións, porque non falou. Fontes gobernamentais dixeron algo do encontro con Pablo Casado, pero nada de Rivera nin de Pablo Iglesias. E o señor Presidente, polo visto, non tennada que dicir. Así que fagamos a valoración segundo os visitantes de onte, porque de Casado xa falamos.

Primeiro, Rivera. O opositor, habería que chamarlle, segundo as súas intencións. Quere desbancar a Casado e, se non pode facelo polo número de votos, vaino intentar pola intensidade do ruxido: oposición firme e vixiante, é o que di. Nada que opoñer, salvo dúas cousas. Unha, que vai estar en fronte de todos: do PP, que reclama por máis dereito de votos a xefatura da oposición, e do bloque de esquerdas, que estará contra el do mesmo xeito que el estará contra Sánchez. Dos independentistas xa nin falamos, porque con catro senadores só acepta un acordo co Goberno: aaplicación do 155 con razón ou sen ela. Sen delito comprobado nin nada: 155 sen contemplacións.

Respecto a Pablo Iglesias, que era a maior expectativa do día, pouca novidade, tal como se demostrou na rolda de prensa, que durou cinco minutos e demostra que o líder de Podemos tiña moita présa por escapar das preguntas dos xornalistas. A única conclusión é un pouco de carallada, porque se reduce a que Sánchez e mais el se puxeron de acordo en poñerse de acordo. O resto é literatura.

Agora ben, o que queda claro, na medida en que algo quede claro, é que aquí ou se forma un Goberno de esquerdas no formato que decidan ou non haberá Goberno. Iglesias e Sánchez quedan condenados a entenderse na medida en que Rivera volveu ao punto de saída cando dixo que Ciudadanos non está para corrixir o incorrixible. Detalle importante: por primeira vez en todas as declaracións que está facendo Iglesias, non apareceu apalabra “coalición”, e non creo que fose porque non lle deu tempo a pronunciala en cinco minutos. Non falou de coalición, porque non hai acordo. É moi probable que Sánchez ofrecese ese pacto de programa do que vén falando José Luis Ábalos, e é moi probable que, ó tropezar coas distancias, decidise escudarse niso de “as negociacións serán longas” e refuxiarse na discreción. Prognóstico deste comentarista: haberá Goberno, o Goberno será de esquerdas e o que falta é o que faltaba antes, que é o formato. Haberá que esperar a que pasen as eleccións municipais. Tamén era o previsto, Valiñas.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia