Galicia por Diante
Ante o Goberno que vén
Sobre o Goberno que vén, teño que dicir varias cousas por adiantado. A primeira é sobre o atraso na súa formación. Sorprende o estudado que tiña todo o señor Iglesias, que nomeou os seus catro ministros e tamén secretarios de Estado incluso antes de que se acabase a investidura. Nótase que non tiña moito máis en que pensar. Sánchez atrasa unha semana os nomeamentos, e non se sabe por que. Quizais porque ten unha obriga dobre, que é buscar novos nomes e pasar o trago de cesar xente que foi da súa confianza. Unha semana de espera non é moito, pero contrasta coa rapidez coa que se quixo facer a investidura, que non se respectou aquilo da relixión: “O sétimo, descansar”.
O segundo é que hai que crear novos ministerios, fálase de vinte en total, o que encarece o custo do Goberno. Os ministros non veñen sós, senón que veñen acompañados do aparato administrativo, secretarios de Estado, subsecretarios, persoal de confianza, directores xerais e asesores, moitos asesores, que son lexión.
O terceiro é que, como a función pública non dá máis de si, hai que dividir os departamentos. Todos o que levan un i grego polo medio son susceptibles de que sexan dous ou tres. E así vanse producir desencaixes. Non estou moi seguro de que se deban separar Traballo ou Emprego e Seguridade Social. E non parece moi acertado separar Ciencia de Universidades, cando o 70 por cento da ciencia se produce nas universidades. Pero había que darlle unha cota a Ada Colau, que tiña que colocar a Manuel Castells. En política tamén hai divorcios non aconsellables.
E a derradeira anotación é o procedemento. A Constitución di que unha das funcións do rei é nomear e cesar os ministros, previa decisión do presidente do Goberno. Xa sei que é un mero formulismo, porque os ministros son do presidente e da súa confianza. Pero aquí non é o presidente o que propón, senón que foi Pablo Iglesias o que nomeou os seus ministros sen contar co presidente e, por suposto, sen deixarlle ao rei a función que lle encomenda a Constitución.
E isto ponnos en prevención de algo que se dixo sempre: a coalición non é mala, pódese saudar como a primeira da democracia no Goberno central, pero empeza a apuntar maneiras de que haberá ministros de Sánchez e ministros de Iglesias. Por certo, e da súa dona. Supoño que terá que ser así. Pero, para que isto funcione como unidade, con pezas perfectamente encaixadas, ten que haber unidade total e recoñecemento da autoridade primeira. Se non hai iso, imos, benquerido López Vila, a un bipartito que pode recordar o galego de Touriño e de Quintana. E saíu como saíu.