Galicia por Diante
Constitución, día despois
No día despois, hai dúas perspectivas: as reaccións o discurso do Rei e o xuízo político á Constitución, e as dúas van xuntas. Sobre os discursos do rei sempre pasa o mesmo, xa fale na Noiteboa ou fale nun acto institucional. Polo flanco do Partido Popular e do Partido Socialista, eloxios infinitos, nunca houbo unha mensaxe mellor. Pola parte dos nacionalistas, xa se sabe: diga o que diga, como non falou da autodeterminación, está lonxe da realidade do país. E pola parte de Podemos, Pablo Iglesias, que ten o monopolio do faladoiro do partido, parece que leva un catálogo de cousas que o rei non dixo nin vai dicir. Así que vai preparado para anotar o que non dixo e bótallo na cara para xustificar o cualificativo ao que quere chegar: "decepcionante".
Sobre a Constitución, algo parecido. Pablo Iglesias - agora hai que poñer sempre o apelido para non confundilo con Casado - leva a prédica da república. Reclama os mesmos dereitos que xa figuran na lei, pero dálles a volta para chegar á conclusión da república. Ultimamente venlle engadindo algún cualificativo, e chámalle "república feminista", que debe ser a única do mundo que leva esa apelación. Supoño que opón o concepto ao de "machista" ou algo así, porque se non non o entendo moi ben. A república ou a monarquía non ten por que ser feminista, machista, nin neutra, senón de todos. E punto, que diría Fraga.
E os independentistas xa se sabe: esta non é a súa constitución, así que buscan as peores cualificacións. É unha das máis abertas e democráticas do mundo, pero como non contempla a autodeterminación, para os cataláns de Torra é un auténtico cárcere. Verbas, verbas, verbas. Para min, o máis importante que pasou onte foron dúas cousas. Unha, que o rei Xoán Carlos recibiu xestos de desagravio. Se no fose pola querela que lle presentaron os comunistas, quizais foi o mellor día e o máis feliz para el dende a abdicación. E a outra, que os constitucionalistas déronse un xute de constitucionalismo que lles devolveu algo de moral. E no horizonte, como sempre, queda o desafío da reforma. E, tamén coma sempre, no se sabe que, nin para que, nin con quen.