CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Gonzalo Caballero: "Teño ilusión e forza de construír unha Galicia mellor"

07/09/2021 - 08:15 h

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegura que se ve con "forzas, ganas e ilusión" con vistas ao congreso e ás primarias do PSdeG.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', Caballero evitou dar unha data para o conclave, pero di que "será de aquí a finais de ano". Non confirma se presentará candidatura, pero si deixa entrever que dará o paso para revalidar o cargo. "Estou con forza e coa capacidade de seguir traballando desde este partido socialista que nin é a dereita do PP conservadora nin é un nacionalismo que se abraza a un independentismo catalán, que a min non me gusta nada. Anunciarei as miñas decisións no seu momento, pero ao longo destes últimos catro anos o PSdeG mellorou en todas as convocatorias desde que eu son secretario xeral" apunta.

Reivindica Caballero os resultados electorais do PSdeG nas eleccións xerais, municipais e europeas. Sobre os pasados comicios autonómicos, Caballero cre que "a pandemia mudou as tendencias electorais. En abril, as enquisas preelectorais prognosticaban o cambio, pero a alta abstención, superior ao 51%, castigou o PSdeG".

Caballero cre que o BNG, que superou os socialistas en votos,  tocou teito electoral. Defende que ante unha crise, entre o electorado "calan posturas e proposta rupturistas". Con todo, di que "para que haxa cambio ten que haber un PSdeG forte".

Ante a posibilidade de que se presente outra candidatura encabezada polo actual presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, Caballero evita especular e di que "non vou acrecentar ningunha polémica. Eu estou centrado no meu traballo e en propoñer a mellor folla de ruta para construír unha Galicia mellor".  Caballero chama á unidade e di que "cando os socialistas estamos unidos somos imparables".

Sobre o próximo curso político, Caballero defende que ten que ser o da "reactivación" e di que a súa prioridade seguirán a ser os servizos públicos coma a sanidade e a educación.

Critica Caballero o que considera a inacción do Goberno galego e denuncia o que considera "grandes erros de xestión da Xunta neste verán". Di que "Feijóo marchou de vacacións sen pedir autorización xudicial para o certificado covid na hostalaría. Feijóo marchou de vacacións sen atender os mails das eléctricas que advertían do baleirados dos encoros e marchou de vacación sen dar resposta aos graves problemas da atención primaria, onde hai que esperar 20 días para conseguir unha cita".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia