Galicia por Diante
Venancio Salcines: "Citroën e Inditex poden sufrir as consecuencias da guerra entre A China e os Estados Unidos"
O profesor e economista Venancio Salcines augura que a guerra comercial entre A China e os Estados Unidos pode arrefriar a economía europea.
"Se esta baixada do dólar e do yuan se prolonga, haberá problemas coas exportacións a Asia en países do centro de Europa". No caso de Galicia, engade, "Citroën e Inditex exportan moito a Europa central, pero sobre todo a Alemaña e Francia. Se a economía destes dous países se ralentiza, terá consecuencias nas fábricas de Vigo e da Coruña".
Sobre o conflito en si, Venancio Salcines prefire non falar dunha guerra comercial, senón dun "movememento complexo entre dúas grandes potencias que pode ter graves riscos a nivel mundial" se as dúas potencias non rebaixan o ton para optar polo diálogo.
O profesor e economista cualifica de "chulesca" a actitude do presidente Donald Trump porque fachendea máis do que pode facer.
"Os Estados Unidos desexaría baixar aínda máis os xuros para estrangular a economía chinesa, pero a Reserva Federal non lle deixará a non ser que os movementos de Pequíon afecten o mercado norteamericano". No caso da China, di Salcines, trátase dun país menos arrogante pero con moita forza para mover a súa economía porque ao ser un país comunista ten capacidade para mover como queira a súa economía. Pero, advirte Salcines, "non debera baixar máis o Yuan por una cuestión política". "Na China existe unha clase media que quere medrar e importar bens. Se non pode, afundirá e iso terá consecuencias".
O profesor entende que se A China e os Estados Unidos non rebaixan a súas posicións, ambos levan as de perder e detrás deles irá Europa.